Como dicilo?

Sen folgos, por Henrique Harguindey

Fotograma de 'A soidade do corredor de fondo' (1962)
photo_camera Fotograma de 'A soidade do corredor de fondo' (1962)

Falamos  xa un día (no artigo De cortar o alento) da locución de quedar/ficar sen alento, de quedar/ficar sen fala (e, naturalmente, de  quedar/ficar sen respiración) como alternativa  en galego á española de cortar la respiración /de cortar el hipo. Dixemos daquela que a locución adoita aparecer con variantes máis ou menos próximas noutras linguas,  como o francés  à couper le souffle ou o portugués de ficar sem fôlego/de tirar o fôlego. E falabamos tamén  das distintas palabras en galego que entran no campo semántico de respiración, forza, ánimo, etc. Nomeadamente sinalabamos folgo/folgos, alento, azo/azos e arela ás que poderiamos engadir outras de uso xeograficamente máis localizado ou de significado máis concreto como xiria, rixo, vizo, pulo… e naturalmente –cada unha no seu contexto- enerxía, vigor, viveza, etc.

Lémbroo agora porque esoutro día lin nun dixital galego a seguinte noticia :

 Apuntan « perda de fol » na economía galega durante o segundo semestre de 2018

Naturalmente, en galego diriamos perda de alento, perda de folgos, perda de vigor, perda de pulo ou outra das construcións posibeis, mais non perda de fol que é unha simple tradución do español pérdida de fuelle.

O galego é unha lingua rica (mellor aínda: moi rica) e mais os galegos e galegas somos lingüisticamente pobres, ou mesmo moi pobres. Dicíao hai pouco María Xosé Queizán con moito xeito e moito acerto: o que falamos é un crioulo.

O mecanismo de infiltración dunha lingua por outra que a ameaza e invade ata afogala, ata acadar a súa desaparición e a substitución, é ben coñecido e doado de explicar: en canto que a lingua do Poder vai acadando progresivamente  presenza en todo os ámbitos da vida social (medios de comunicación, ensino, centros de traballo, servizos médicos, vida administrativa, etc) a lingua dos que non teñen forza, nin folgos, nin azos, nin case alento, vai desaparecendo sistematicamente de todos os eidos.

E, naturalmente, as persoas que falan a lingua marxinada van sufrindo día a día ese bombardeo e perdendo riqueza lingüística. Non saen indemnes do ataque. Hai quen, de xeito consciente, renuncia á súa fala e renega dela. Outras persoas –mesmo defendéndoa expresamente e empregándoa por sistema- utilízana degradada, por moito que lle queiran a ese noso crioulo. Nun grao ou noutro, pásanos a todos.

E resulta case inevitábel.

Cando falamos, non temos tempo para consultas  sobre a corrección lingüística de cada momento e de cada palabra ou frase que dicimos. Iso levaría á práctica paralización da comunicación. Falamos cunha rapidez instantánea, e collemos sen consultar o material que temos almacenado no cerebro utilizándoo sen pararnos practicamente na súa corrección; só cando preparamos unha intervención oral posterior ou un texto escrito podemos pararnos niso. Outramentes, no intercambio social cotián, reaccionamos automáticamente facendo uso dun material lingüístico que se foi almacenando durante toda a nosa vida. E é evidente que se o que se almacena na nosa área cerebral da expresión lingüística está esmagadoramente construído na lingua allea, o escaso galego vai para o fondo, sotérrase e non aparece: o que prevalece son os sons, as palabras e as frases foráneas. Non hai estímulos nin presenza abondo do noso para asegurar a expresión propia. Rematamos no crioulo.

Aí atrás dicíame alguén nese noso castrapo que tivera unha mañán moi axetreada, que tivera moito traxín. Esa persoa, en teoría falaba galego e é sempre consecuente coa súa lingua, mais o que non pode ela, nin eu nin ninguén, é ser inmune aos mecanismos biolóxicos e sociais nos que estamos inmersos: igual que fariamos todos, colleu o material lingüístico que tiña á man. De feito, eu tardei horas (e precisei darlle moitas voltas e consultar fontes)  en tirar a conclusión de que en galego poderiamos dicir, por exemplo,  atafegada ou atarefada  e mais trafego ou afogo,

Mais, como di a locución que coñecemos… Tarde piache!

En calquera caso, dixen enriba que a cousa era case inevitábel. Case. Porque –como xa dixemos tamén- o material vaise almacenado denantes da súa utilización e podemos –mesmo se os estímulos son poucos e o bombardeo constante-  tratar de termos sempre presente o bo galego para que non nos esqueza sepultado.

 Unha loita individual, claro, mais moitos individuos forman un colectivo que, con vontade e arela, pode chegar a ter moito pulo. E a constancia contrapesa a urxencia;  aos poucos, devagariño, mais firmes, con folgos. Continuando a loita do pobo galego en defensa da súa lingua, a grande irmandade da fala.

Baguiño a baguiño fixo a vella unha pipa de viño.

Comentarios