A Mesa denuncia que a TVG financie unha serie en español: ''o primeiro paso para a súa privatización''

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a "sabotaxe" do ente público ao sector audiovisual galego e en galego, recorda os principios de defensa e promoción da lingua e da cultura do País polos que a compañía foi creada en 1985 e ironiza: ''non está previsto que Televisión española, Antena 3 ou Mediaset se poñan a producir series en galego; se non o fai a TVG, quen o vai facer?''


Precarización do emprego con salarios inferiores ao convenio nunha macroserie que bota tamén por terra os obxectivos de promoción da lingua e a cultura que conduciron á creación da televisión pública. El Faro é unha telenovela que será coproducida pola TVG e a FORTA (federación de televisións autonómicas), coa televisión galega a asumir a maior parte da factura.

É a receita que a compañía da radio e da televisión públicas da Galiza, a CRTVG, quere cociñar ao se embarcar no financiamento da telenovela El Faro, un contido audiovisual que nada ten a ver cos obxectivos polos que a entidade foi creada. 

Porén, para alén da idoneidade do espazo e das condicións laborais en que se pretende que traballen @s profesionais que o farán posíbel, a Mesa denuncia que 'o culebrón' vaise gravar integramente en español, embora na TVG se irá emitir en galego.

Se a Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego se queixou do primeiro aspecto, deste último queixouse A Mesa pola Normalización, quen considera que tal aposta na lingua castelá "é o primeiro paso para a desaparición" do ente público. 

Sabotaxe ao audiovisual galego e en galego

A asociación que preside Carlos Callón arremete contra a compañía liderada por Alfonso Sánchez Izquierdo, a quen acusa de "pretender que a CRTVG deixe de ter sentido ao contribuír a precarizar e sabotar a industria audiovisual galega e en galego".

Acusacións semellantes chegaron a Sánchez Izquierdo desde o comité interempresas do ente público, que levan meses denunciando as prácticas de manipulación informativa que se realizan nos telexornais da canle para a desacreditar e, unha vez que calle a idea de que os seus contidos só responden a un ideario político, privatizala. As denuncias que @s xornalistas fan diariamente a través do blogue Eu non manipulo responden á necesidade de resgatar unha televisión pública e de calidade para Galiza

''Primeiro paso para a súa eliminación''

"A CRTVG naceu tendo como misión promocionar, difundir e impulsar a lingua galega", subliña a vicepresidenta da Mesa, Susana Méndez, quen acrecenta que "o que se pretende con esta produción é dar un primeiro paso que sirva como escusa para a súa eliminación".

A asociación en defensa da lingua amosou o seu apoio ao comunicado feito público pola coordinadora antes mencionada, da cal fan parte a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación de Guionistas de Galicia (AGAG), a Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia (ATEGA) e a Asociación de Directores e Realizadores (CREA). 

A ambientación anula a identidade cultural

Neste sentido, Susana Méndez destaca a denuncia realizada a respeito de que El Faro nada ten a ver cos principios de defensa e promoción da lingua e da identidade cultural "polos que se ten que rexer a programación da nosa canle" e tal e como se recolle na Lei de creación da CRTVG.

Aliás, subliña que a telenovela que pretende finanzar a compañía pública "choca dun xeito absurdamente paradoxal" cos valores de defensa da diversidade cultural e lingüística en que se basea a propia existencia das canles territoriais "ao ambientala deliberadamente nun contexto que procura ocultar calquera referencia á cultura específica" dos pobos que fan parte do Estado español.

El Faro é o nome dun restaurante que podería estar en calquera cidade ou vila do mundo e cuxos propietarios son "Los Peña". O conflito mantéñeno con "Los Muñoz", familia propietaria dunha importante empresa e que pretende facerse co restaurante para construír unha estrada, tal e como informou a Forta nun comunicado de imprensa. Serán en total 120 capítulos de 50 minutos de duración e de emisión diaria e a rodaxe comezará na Galiza nos vindeiros días. 

Comentarios