As Festas do Monte da Guarda queren ser 'enxebres' en español

A organización dos festexos, que inclúen unha romaría popular no monte de Santa Trega, editou a programación unicamente en español "para que a entendan os de fóra". Declarada en 2009 'de interese turístico galego', neste 2013 fai 100 anos
 

photo_camera [Imaxe de 2009 tirada da Galipedia]


A web non oficial das Festas do Monte, que se celebran do 2 ao 19 de agosto na Guarda, di delas que son "as máis enxebres da Galiza". 

Tamén a páxina oficial do Concello ten un apartado dedicado a estes festexos ao premer na sección de Turismo e Ocio, sinala que @s visitantes soben ao monte "para celebrar unha das máis afamadas romarías enxebres da Galiza".

O dicionario Estraviz, na acepción nº14, define 'enxebre' como "propio e xenuíno" do noso País. Daquela, por que as festas "máis enxebres" distribúen a súa programación só en español?

"Para que a entendan os de fóra", explican desde a asociación veciñal e cultural O Cancelón, organizadora do evento. Contan que é este o primeiro ano que as voandeiras e os cartaces coa programación non están integramente en galego e aclaran que se prescindiron da nosa lingua foi porque "non deu tempo" a imprimir unha versión bilingüe que na vindeira edición si se fará.

Porén, é este 2013 cando a Festa do Monte cumpre cen anos (1913-2013), após ser declarada en 2009 'de interese turístico galego'. "Vén xente doutras comunidades e xa o ano pasado se queixaron de que non entendían a programación", continúan explicando desde O Cancelón. Con todo, de ollarmos con atención os actos argallados para os festexos, non semella aparecer concepto ningún que non poida ser comprendida mellor en español do que na nosa lingua.

O programa das festas, que reciben subvención non só do Goberno municipal da Guarda (PSdG) senón tamén da Deputación de Pontevedra e da propia Xunta de Galiza, está pendurado na páxina web do Concello.

Comentarios