Fernán Vello denuncia que Inditex ignora o galego nas súas tendas

O portavoz de En Marea no Congreso denunciou nas redes sociais a discriminación do galego nos estabelecementos comerciais de Inditex. Miguel Anxo Fernán Vello lamentou en twitter que o emporio de Amancio Ortega use o catalán e o eusquera nas tendas de Catalunya e Euskadi e non o galego nas de Galiza.
 

[Imaxe: Wikipedia] Miguel Anxo Fernán Vello
photo_camera O portavoz de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello. Foto: Galipedia.

Fernán Vello, que acaba de asumir a portavocía do grupo da confluencia no Parlamento español, pregúntase se se trata de odio ao idioma galego. “Ou falta de respecto aos/ás consumidores galegos/as?”, engade, e conclúe: “Lamentábel. Hai que denuncialo”.

O deputado de En Marea reaccionaba así ao informe da Mesa pola Normalización Lingüística sobre o seu servizo a Liña do Galego, presentado este sábado en Compostela. O documento sinalaba que máis da metade das queixas recibidas sobre vulneración de dereitos dos usuarios e usuarias do galego facían referencia ás administracións públicas.

A Mesa tamén puxo o foco sobre algunhas compañías privadas, entre elas Inditex, Google ou Abanca, que, segundo os datos recabados na Liña do Galego, non respectan os dereitos das galegofalantes.

Comentarios