Fene acolle este sábado a I Gala dos Medios en Galego

A Asociación de Medios en Galego organiza o evento deste sábado, que contará coa presenza de Paula Carballeira e Uxía Sanmartín, entre outras

Amega Asociacion de Medios en Galego
photo_camera Representantes da Asociación de Medios en Galego

A Liga de Amigos de Barallobre en Fene acollerá o sabado 3 de febreiro (12 horas) a I Gala dos Medios en Galego. A cerimonia abrirá os actos do Día dos Medios en Galego, unha xornada que quere poñer en valor os medios de comunicación que utilizan o noso idioma. Tamén se conmemora o nacemento da primeira publicación en língua galega, O tío Marcos da Portela, que en 1876 soubo conectar coas preocupacións da xente humilde.

O evento, organizado pola Asociación de Medios en Galego, oferecerá desde as historias da actriz e contacontos Paula Carballeira até a música de Uxía Sanmartín e os poemas do colectivo literario Moraima. Tamén acudirán representantes dos medios en galego, ben como tamén está prevista a presenza do secretario xeral da Política Lingüística da Xunta  –Valentín García–, os portavoces dos partidos políticos do Parlamento Galego –Miguel Tellado, Luís Villares, Xaquín Fernandez Leiceaga e Ana Pontón– e membros de institucións como a Fundación Rosalía de Castro, Fundación Otero Pedrayo, Mesa pola Normalización Linguística, Facultade de Xornalismo de Santiago e o concello de Fene.

Programa do día

Ás 13:30 horas os convidados hanse de trasladar ao Monumento ao Camiñante Descoñecido para realizar unha oferenda floral en homenaxe á lingua galega. A xornada rematará ás dúas da tarde co Banquete de Barallobre, emulando o Banquete de Conxo do ano 1856. O xantar terá lugar ben pertiño do monumento, en Vichelocrego. Despois da comida, a axenda reserva os brindes pola lingua galega e a actuación do Tradicoro da banda de gaitas Airiños de Fene. 
 

Comentarios