domingo 27/09/20

Feixoo, Pontón, Caballero: valoracións políticas no Día das Letras

O presidente da Xunta di que a lingua galega "foi capaz de resolver longas noites de pedra". Desde o BNG piden un "novo marco normativo", e o PSOE que traballarán por acabar coa súa "discriminación".

A tradicional marcha do Día das Letras en defensa da lingua galega non puido desenvolverse neste ano (Nós Diario)
A tradicional marcha do Día das Letras en defensa da lingua galega non puido desenvolverse neste ano (Nós Diario)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quixo lembrar na celebración do Día das Letras Galegas que "o que une a todos os galegos, non é outra cousa que a lingua".

A lingua galega "foi capaz de resolver longas noites de pedra, períodos escuros da historia" porque "é o elemento que máis nos une e identifica no concerto de todos os pobos do mundo", destacou o presidente do Goberno galego neste domingo, antes de comezar a conferencia de prensa posterior á décima reunión telemática con Pedro Sánchez, e o resto de titulares autonómicos.

Feixoo subliñou que o galego "foi quen de superar todas as vicisitudes" ás que se enfrontou ao longo de "todos estes séculos desde que existimos como pobo", e a respecto da xornada atípica dente ano polo coronavirus dixo que "queda pendente unha mellor celebración", "porque é necesario honrar a Ricardo Carvalho Calero".

O presidente mostrouse convencido de que "tamén seremos capaces de superar esta pandemia, da que sairemos máis unidos, fortes e orgullosos do que somos", da mesma forma que "este pobo está orgulloso da súa lingua e das súas letras".

BNG: "Fin ao confinamento"

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, alertou da situación de "emerxencia" da lingua galega polas "políticas regresivas e deliberadas" dos Gobernos de Feixoo e o PP. Neste sentido, lembrou que tanto as institucións galegas como as internacionais alertaron da "regresión" desta última década.

Para Pontón cómpre un novo marco normativo e comprometeuse a pór "fin ao confinamento" e ás políticas que pretenden reducir e marxinar a lingua galega. Nesta liña, a portavoz da formación nacionalista defendeu "abrir unha nova etapa para o noso idioma é facelo co orgullo de pobo".

Tamén recalcou que detrás da lingua galega "está o progreso e a cohesión social". "Con ese espírito ─sinalou─ traballará o BNG para que no futuro contemos cun novo marco normativo que desconfine a lingua galega, permita a súa transmisión xeracional e sexa normalización en todos os ámbitos".

PSOE: "Normalidade en todos os ámbitos"

O secretario xeral do PSOE galego, Gonzalo Caballero, avogou por "impulsar e promover" o galego para acabar coa "discriminación" que sofre e que poida ser usado "con normalidade no ámbito público e privado".

Caballero quixo mostrar o "agarimo e apoio dos socialistas galegos" a lingua, nunha xornada en que se "celebra, promove e impulsa" o idioma "como unha forma de sentir o país", porque "o galego somos todos nós", recalcou.

Neste sentido, sinalou que a lingua "non é só unha riqueza cultural e lingüística" da Galiza, senón tamén "un sentimento e un sinal de identidade". Por iso, apostou por "promovelo" para que "non exista discriminación e se use con toda normalidade".

Por todo iso, non quixo esquecer o "compromiso galeguista" dos socialistas do país, que se centran "na defensa da lingua propia" como unha "forma de comunicarnos" e na "loita por construír a Galiza que queremos".

Galicia en Común e PP

Desde a formación Galicia en Común, o secretario xeral de Podemos na Galiza e candidato á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, sumouse á campaña de Queremos Galego usando no Twitter o cancelo #EuFaloGalego. Nesta plataforma escribiu: "Desde o Atlántico, Bom #DiaDasLetrasGalegas a todas".

Os populares galegos, pola súa banda, usaron as redes sociais para difundir as mensaxes institucionais do presidente da Xunta neste Día das Letras.

comentarios