Feijóo asegura que a quen non saiba inglés pasaralle como a el

Nos Peares, na fronteira entre Lugo e Ourense, está a xestarse un proxecto de inmersión lingüística. Ao galego? Non, ao inglés. Feijóo amosouse encantado coa iniciativa e sinalou que podería estar rematada antes do final desta lexislatura.

 

O presidente da Xunta animou a aprendermos inglés de non querer que nos pase como a el e acabar tendo un “serio problema en formación”. Admitiu que non puidera participar no congreso mundial de ortodoncistas que se está a celebrar en Santiago por ser o inglés o único idioma admitido.

Feijóo quixo así subliñar a importancia do inglés no ensino público. Fíxoo no almorzo coloquio  organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección e Deloitte, baixo o título “Galicia na saída da crise. Investimento e confianza no futuro”. Foi alí onde adiantou que antes do final desta lexislatura Galiza podería contar cun “pobo” no que se fixese inmersión á lingua de Shakespeare.

Fontes de Fenosa Wild, filial de enerxías renovábeis de Gas Natural Fenosa confirmaron que se estaba a referir ao proxecto que a compañía está a levar a cabo nunha área de 30.000 metros cadrados nos Peares que estará centrado na inmersión lingüística ao inglés. A inauguración do que xa se etiquetou como “o pobo inglés” está prevista para inicios de 2013. A iniciativa, que quere levar a cabo a rehabilitación da área e a conversión das vivendas en aulas, correspóndese cun dos proxectos industrais de Gas Natural Fenosa ligados ao concurso eólico.

Fontes da compañía estimaron que o proxecto, dotado con 8 millóns de euros, podería xerar entre 50 e 60 postos de traballo directos e estimaron en até 25.000 as alumnas e alumnos que podrían pasar polas súas aulas.

Feijóo tamén tivo verbas para o galego. Cualificou así de “erro cultural e económico” non contar coa lingua propia dada a súa ligazón co mundo da lusofonía e cunha economía emerxente como a de Brasil.

Comentarios