Falece Domingo Frades, un dos maiores valedores do galego de Estremadura

Falante da variedade mañega desde o berce, Frades realizou un importante labor de recompilación de vocabulario, toponimia, costumes e cantigas populares, á vez que promoveu o coñecemento da existencia das falas dos concellos cacereños de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello.
Domingo Frades (Foto: Arquivo familiar).
photo_camera Domingo Frades (Foto: Arquivo familiar).

A Real Academia Galega (RAG) anunciou esta terza feira o pasamento de Domingo Frades Gaspar (San Martiño de Trebello, 18 de outubro de 1936 – Badaxoz, 10 de xaneiro de 2023), membro correspondente da institución desde o ano 2004 e destacado valedor do galego de Estremadura.

Falante da variedade mañega desde o berce, realizou un importante labor de recompilación de vocabulario, toponimia, costumes e cantigas populares, á vez que promoveu o coñecemento da existencia das falas dos concellos cacereños de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello.

Colaborou ademais na constitución de diversas asociacións culturais, entre elas a Asociación Fala i Cultura do Val do Río Ellas, da cal foi o primeiro presidente.

Axente de Extensión Agraria do Ministerio de Agricultura de profesión, compaxinou este labor coa escrita de diversas obras sobre a cultura e a lingua da serra de Gata, entre elas as monografías Vamus a falal. Notas pâ coñecel y platical en nosa fala (1992 e 2000) e Callejeiru Mañegu  e a tradución de Novu Testamentu en Fala (2015).

Organizou tamén, entre outros encontros, o Congresu da Fala en Valverde e o Seminario Internacional de Linguas Minoritarias da UE celebrado na mesma localidade.

Domingo Frades Gaspar tamén cultivou a poesía. Só uns días antes do seu pasamento chegara ás súas mans a súa Obra Poética Mañega, a recompilación dos poemas que foi creando e publicando entre 1971 e 2004.

 O volume será presentado postumamente o vindeiro 20 de xaneiro en Badaxoz e os días 21 e 22 en San Martiño de Trebello e Valverde.

"Unha ponla do galego medieval"

"Domingo Frades Gaspar representaba na RAG o galego de Cáceres, unha ponla do galego medieval da que agromou un grupo dialectal formado polo valverdeiro, o largarteiro e o mañego", anunciaron desde a Academia ao tempo que lamentaron o seu pasamento.

Henrique Costas lembra seu amigo

O catedrático da Universidade de Vigo, (UVigo), Henrique Costas escribiu un texto en lembraza de Domingo Frades, grande amigo seu,

No texto, Costas manifesta que "desde 1991, cando atravesei a angarela da súa casa, sempre me recibiu cos brazos abertos, un enorme sorriso, a súa enorme simpatía e sabedoría".

"Quédanos a inmensa sorte de terte tratado ao longo destes anos, de ter aprendido tantas cousas, de ter rido tantísimo en tantos lugares. Que a terra che sexa leve coma unha folla das túas viñas. Xa nos veremos, amigo", conclúe Costas.

Comentarios