Falares, falarmos, falardes... O infinitivo flexionado, na lección 12 do curso de galego

Reproducimos a seguir un extracto da lección 12 do curso de galego, sobre interferencias sintácticas, que Nós Diario publica hoxe. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos e publícase a diaro nas catro páxinas centrais do xornal impreso.

lección 12

Infinitivo flexionado

O infinitivo flexionado (tamén chamado infinitivo conxugado ou infinitivo persoal) é un trazo distintivo da nosa lingua. Podemos dicir que é unha característica case única, tanto que esa posibilidade de conxugar o infinitivo só existe  cando menos entre as linguas europeas  en galego portugués e húngaro. O uso do infinitivo flexionado é tradicional na nosa lingua e, para alén do máis, cumpre unha importante función estilística e expresiva:

E non parei de chorar
Nunca até que de Castela
Houbéronme de levar.
Leváronme para nela
non me teren que enterrar

(Rosalía de Castro)

Non reparas na que che espera se te casas con ese cuspe? Vivires nunha terroeira como esta, andares coma min. Chegares do traballo feita un esterco, sen roupa que mudar, sen frescuriña para botares no xergón do casulo...”
(Castelao)

Como vemos, a forma é moi sinxela. Chega con acrecentar ao infinitivo catro desinencias persoais (a 1ª e 3ª persoa non teñen): Ø  es Ø  mos  des  en:

falar
falares
falar
falarmos
falardes
falaren

—Despois de falaren, todo ficou esclarecido.
—É conveniente utilizarmos o infinitivo flexionado sempre for posíbel.

Función

A función do infinitivo flexionado é a de identificar, de maneira inequívoca, a persoa ou persoas responsábeis pola acción expresada no verbo. Mais tamén é verdade que se debe ou pode utilizar en casos en que iso xa non é preciso. Neses casos cumpre, como diciamos, unha importante función expresiva:

Para alén do seu valor intrínseco como elemento caracterizador do sistema lingüístico galego portugués, aínda moi vivo no galego actual, o infinitivo flexionado é un vigoroso elemento estilístico dotado dunha grande expresividade, con múltiplas e variadas posibilidades de utilización. Así foi tamén xeralmente recoñecido por parte de lingüistas portugueses, brasileiros ou galegos, que inciden en que o uso da forma invariábel ou da flexionada está intensamente influído por factores estilísticos e expresivos, de modo que en moitas ocasións poderiamos empregar calquera das dúas formas e o único que nos decide por unha delas é o desexo de expresividade, a énfase ou a eufonía”. (Xosé Ramón Freixeiro Mato. Lingua de calidade)

Reparemos neste enunciado: Cómpre facer o labor pendente. Quen debe facer o labor? Non sabemos.

Vexamos agora este: Cómpre facerdes o labor pendente. Agora fica claro que sodes vós quen debe facer o labor. Mais un exemplo:

—Ao chegar xa marcharan. Ao chegar quen? Nós? Vós? Elas? Ti?
 —Ao chegarmos xa marcharan. Ficou claro: cando chegamos nós, elas ou eles xa marcharan
.

Como dirías a unha amiga que é preciso aprender a nadar antes de se mergullar para ver a tartaruga?. Utilizando o infinitivo persoal, claro.

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

Comentarios