Falar, achegar e compartir para afortalar o galego

Traballadoras e Traballadores de normalización lingüistica crean o Viveiro de Propostas, un espazo para impulsar proxectos de promoción do idioma

A CTNL (Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística) está a crear o "Viveiro de propostas normalizadoras", que define coma “un espazo de traballo e intercambio para que traballadoras/es de normalización lingüística poidan madurar e desenvolver ideas e proxectos na procura de que cristalicen actuacións de todo tipo para o fomento do galego”. A xuntanza inicial deste Viveiro terá lugar o 30 de maio ás 17.30 h, na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela (Aula 12).

O Viveiro de propostas normalizadoras é unha ágora, á vez que tamén un punto de encontro para o traballo e debate, no que os traballadores e as traballadoras de normalización lingüística “poidamos poñernos en contacto, coñecer e presentar achegas e ideas de accións normalizadoras, buscar xente coa que intercambiar impresións e colaborar na maduración e posta en marcha desas propostas. A idea é que deste espazo ou laboratorio nazan e se poidan desenvolver actividades, accións, campañas, obradoiros, produtos normalizadores…”

Para pór en marcha o Viveiro, a CTNL convoca unha xuntanza na que se pode participar tanto presentando ideas como asistindo para coñecelas coa intención de colaborar nalgunha. E, a partir de aí, créase un grupo de traballo para cada un dos proxectos que estará formado por todas as persoas interesadas en colaboraren no seu desenvolvemento e coordinado pola persoa que o propuxo.

 Os propios impulsores do Viveiro poñen exemplos das achegas que poden xurdir: “Unha campaña para incentivar que nos pubs poñan máis música en galego e que a pode desenvolver desde unha asociación, unha aplicación que compile modelos de documentos administrativos municipais, un obradoiro para traballar coa mocidade o uso das novas tecnoloxías en relación coa lingua para lles ofrecer a concellos ou centros de ensino, un manual de boas prácticas para cargos institucionais que asuman diferentes entidades ou un concurso nas redes sociais de fotos con lemas e argumentos a prol do galego”. Ideas para falar, achegar, opinar e pór en común coa finalidade de traballar nelas, expandilas e ir gañando máis espazos para o galego.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios