PALABRAS CON MEMORIA

Expresións que has de coñecer se por aquí te vas mover

amanhecer
photo_camera Alba na alba

Alba non alba.- Expresión utilizada para marcar unha puntualidade matinal taxativa e que quizais puidese ser traducida por “non ben raie o día”, Exemplo: “Mañá, alba non alba, todos preparados para marchar.”

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.  

Hai barro na costa.- Dise cando hai dificultade para realizar algo.

Lugar de escoita.- Queixas, Cerceda.

Fonte.- Manuela Barbeito/Yago Paxos Barbeito.

Outros apuntamentos.- A fonte sinala que a orixe da frase vén da dificultade no pasado para levar o carro cargado por lugares lamacentos e costentos.  

Hai boa lei!.- Expresión utilizada ironicamente cando algo non se ve xusto ou desgusta.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Hai xurelos na ría!.- Expresión que se utiliza cando alguén raña o cú.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

Pé feito( de/a).- A propósito, adrede. Exemplo: “Esquecín o pan e agora teño que ir de/a pé feito ao forno”./ “Teño que ir á feira da Gouxa a pé feito por unha fouce”.

Lugar de escoita.- Taboada (Lugo)/Dozón(Pontevedra)

Fonte.- Lucas Rigueira Rey/Andrés Lombardía.

Tal para cal, maraghota e media.- Expresión para indicar que dúas persoas son do mesmo xeito.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

Vaiche boa lúa polo carreiro da illa.- Expresión utilizada a miúdo cando dúas persoas están falando e non queren que a xente que pasa a carón se entere do  contido da conversa.

Lugar de escoita.-  Zona litoral de Bergantiños (dende Malpica ata Laxe).

Fonte.- Alberte Suras.

Outros apuntamentos.- O “carreiro da illa” é utilizado polos mariñeiros malpicáns para referirse a zona do mar situada entre o Monte de San Adrián e as illas Sisargas.

Comentarios