O Estado español é o que esixe a Netflix máis garantías para o seu idioma

España é, con Francia, o que máis garantías esixe a plataformas dixitais como Netflix para promover o seu idioma. Mais faino, en detrimento das outras linguas oficiais propias do Estado español, que fican desprotexidas. No caso do galego, tan só se ofrece unha serie das 4.339 na lingua propia da Galiza.
Acto de A Mesa coas forzas do concello de Santiago de Compostela o 28 de outubro. (Foto: Nós Diario) #galego #audiovisual #amesa
photo_camera Acto de A Mesa coas forzas do concello de Santiago de Compostela o 28 de outubro. (Foto: Nós Diario)

En xaneiro de 2007 Netflix activou un servizo de vídeo a demanda por internet nalgunhas cidades dos Estados Unidos. Cinco anos máis tarde comezou a expansión internacional: entrou no Reino Unido e en Irlanda, e en outubro dese mesmo ano entrou en Dinamarca, Finlandia, Suecia e Noruega. Ao cabo dun ano, xa se implantara en moitos países de América Latina e comezaba a presentar as películas en varias linguas, ademais de engadir contido local ao seu catálogo. Desde ese momento, a cuestión das linguas nas que se poden dobrar ou lexendar os filmes tomou maior importancia para a empresa. 

Segundo os datos dun estudo realizado o pasado ano, o 55% do contido que se pode obter en Netflix hoxe é orixinariamente en inglés; un 10% en hindi, un 6% en español, un 4% en xaponés e o resto, un total de 58 linguas máis, entre elas o galego. En canto ao contido orixinal de Netflix, o 65% está feito orixinariamente en inglés. Outro dato importante é que o crecemento da competencia fixo perder subscricións a Netflix nos Estados Unidos. 

En outubro de 2018, o Parlamento Europeo esixía que en setembro de 2020 polo menos o 30% das producións que Netflix distribúe na UE estivesen feitas no continente e en linguas europeas, obxectivo que a plataforma practicamente conseguiu, cun retraso mínimo. Desde que se puxo sobre a mesa a proposta de condicionar o mercado de Netflix na UE, os Estados español e francés foron os que máis insistiron dentro das institucións europeas para conseguir a máxima protección posíbel tanto para as súas linguas –aínda que só lles preocupaban o castelán e o francés– como para a súa industria. 

Por exemplo, a adaptación da normativa comunitaria que fixo o Estado español propón que, do 30% de producións europeas que Netflix debe ofrecer se quere estar presente en España, a metade sexan españolas. A maiores, crea un imposto polo que o 5% dos beneficios das plataformas dixitais debe destinarse á produción de filmes e series en España. En 2017 Francia, co apoio de España, encabezou o grupo de Estados que logrou que a UE adoptara esta obriga de que o 30% das producións fosen europeas; a proposta orixinal era só do 20%. 

Países como Reino Unido, Dinamarca ou Finlandia opuxéronse fortemente, e o ministro de Cultura español do momento, Íñigo Méndez de Vigo, reprochoulles o pouco interese na defensa da lingua propia. Porén, España é un dos nove Estados da UE que aínda non adaptou a decisión europea ao seu ordenamento legal. O prazo rematou o 19 de setembro de 2020, e o pasado 23 de setembro, a Comisión Europea advertiu de que tiñan dous meses para adaptarse ou serían multados. 

Só unha serie en galego de 4.339

Actualmente, Netflix ofrece un total de 4.339 series, das que unicamente unha está en galego. Trátase de O sabor das Margaridas, unha produción orixinal de CTV en colaboración coa TVG e Comarex. Esta ínfima cantidade de títulos lingua propia da Galiza motivou que iniciativas como “Netflix en galego” e plataformas como A Mesa pola Normalización Lingüística esixan unha maior protección para o galego no sector audiovisual.

A Mesa leva anos a promover diferentes campañas que poñen no foco a necesidade de dotar o galego de ferramentas e mecanismos legais que aseguren o futuro da lingua nun sector fundamental como é o dos medios audiovisuais. Hai un mes, a entidade iniciou unha recollida de sinaturas para que a nova Lei do audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, así como “que se igualen contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións”. 

No plano político, o BNG encabezou a actividade parlamentar para esixir ao Goberno español que a nova Lei do audiovisual faga referencias explícitas ao galego e lle recoñeza uns dereitos mínimos na produción audiovisual. A citada lei verase modificada froito do pacto entre Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e o Goberno español. A formación catalá comprometeuse a non tombar os orzamentos estatais de 2022 a cambio de que a Lei do audiovisual recolla no seu contido unha mención explícita ao catalán, ao tempo que formalice por escrito a defensa e protección de catalán, galego e vasco no sector da industria audiovisual. A condición, que foi apoiada tanto por outras formacións políticas -EH Bildu en Euskal Herria e o BNG na Galiza- como por diversos colectivos e plataformas sociais a prol da defensa das linguas oficiais do Estado.

Moción Xabarín 2.0

A Mesa pola Normalización Lingüística impulsa nos concellos galegos a moción Xabarín 2.0. para que a nova Lei do audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións e para reclamar á RTVE a emisión dos contidos coa opción 
dobrada ao galego.

Comentarios