xoves 28.05.2020

Estado español debe comunicar tamén nas linguas cooficiais a información sobre a COVID-19

A Rede Europea de Igualdade Lingüística (ELEN) únese ao Consello de Europa na demanda de que os gobernos estatais europeos garantan o emprego nos idiomas minorizados das novas sobre a crise do coronavirus.

Rolda de prensa do Ministro de Sanidade, Salvador Illa
Rolda de prensa do Ministro de Sanidade, Salvador Illa

A Rede Europea de Igualdade Lingüística (ELEN) emitiu un comunicado no que constata, en relación á información oficial sobre a COVID-19, “os estados non compartiron sistematicamente a información, instrucións, directrices ou recomendacións en idiomas distintos do idioma oficial do país”.

Esta organización de ámbito europeo sinala que “a comunicación de recomendacións relevantes nos idiomas cooficiais é de suma importancia para o benestar dos falantes destes idiomas”. Advirten ás autoridades que “non deben esquecer, que os falantes das linguas cooficiais son unha parte integral das súas sociedades e para que as medidas adoptadas teñan pleno efecto, deben estar dispoñibles e ser facilmente accesibles para toda a poboación”.

Consideran que é un requisito para os estados membros do Consello de Europa que ratificaron a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias ( ECRML), como é o caso do Estado español, e polo tanto deberían todos os estados “tomar medidas para dirixirse aos seus cidadáns en todos os idiomas que se falan tradicionalmente nos seus países,  ratificasen ou non a Carta.

Recompilación de datos

Na actualidade, ELEN está a recompilar datos das súas organizacións membros sobre se os gobernos emitiron información e proporcionado educación en liña ou por televisión nos seus respectivos  idiomas. Os datos recompilados se  compilarán nun Informe para o Consello de Europa e as institucións da Unión Europea (UE).

comentarios