As escritoras e escritores en lingua galega instan a Xunta a “virar o rumbo” na política lingüística

A AELG reitera a súa “preocupación” pola situación do idioma e pide que as conclusións do informe do Consello de Europa sexan “motivo de reflexión”.

 

cesareo sanchez aelg
photo_camera Cesáreo Sánchez, presidente de AELG.

Tamén as escritoras e escritores en lingua galega súmanse ás advertencias e preocupación sobre o estado do galego que volve agromar após a publicación do informe do comité de expertos do Consello de Europa.

Neste sentido, a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG) reitera así a súa “profunda preocupación ante o que considera, por parte dos gobernos español e galego, un explícito desatendemento do proceso de normalización lingüística”.

“Como traballadoras da palabra”, indican, “non podemos máis que facer notar o noso desacougo ante o desamparo ao que se ve sometida a lingua galega a nivel institucional desde a aprobación dun marco legal regresivo para a vitalidade do galego”.

A AELG afirma que a presenza do galego “é insuficiente en varias áreas da comunicación social e o seu incumprimento vén recollido no informe de expertos”. Unha situación, indican “á que se chegou por vontade unilateral do goberno galego hai unha década, ignorando a vontade da maioría social e desoíndo a reflexión das profesionais do ensino e da sociolingüística”.

O informe do Consello de Europa, indican, non vén senón ratificar o que otros estudos e documentos – como o do IGE- veñen advertindo desde hai tempo.

A respecto das consideración do informe, indican que ”entendemos que estas advertencias deberán ser motivo de reflexión para quen ten a obriga legal e moral de coidar da lingua propia”, ara alén de manifestar que “cómpre virar o rumbo e derrogar as normas que impiden o uso da nosa lingua na docencia de todas as materias”

Comentarios