Entidades da Galiza, Euskadi e Catalunya reivindican o ensino nas linguas propias no Galeusca

O encontro 'Galeusca pola diversidade lingüística e cultural no ámbito educativo', organizado por Semente, La Bressola e Ikastolen Elkartea, decorreu no Museo do Pobo Galego, en Compostela.
Foto de familia do encontro Galeusca. (Foto: Charo Lopes)
photo_camera Foto de familia do encontro Galeusca. (Foto: Charo Lopes)

Este sábado o auditorio do Museo do Pobo, en Compostela, tornou nun punto de encontro entre entidades galegas, vascas e catalás que defenden o uso das linguas propias e a fin das restricións lingüísticas nestes territorios.

Foi o primeiro acto do evento 'Galeusca pola diversidade lingüística e cultural no ámbito educativo', organizado de forma coordinada polas Escolas de Ensino Galego Semente (Galiza), Ikastolen Elkartea (Euskadi) e La Bressola (Catalunya Nord).

Intervención de Séchu Sende. (Foto Charo Lopes)
Intervención inicial de Séchu Sende. (Foto: Charo Lopes)

Asistiron, aliás, representantes da Associaçom Galega da Língua (AGAL), a Mesa pola Normalización Lingüística, o centro social A Gentalha do Pichel, a Facultade de Filoloxía da USC, Compostela Aberta, Movemento Arredista e Nova Escola Galega.

O acto principiou coa intervención do presentador, poeta e improvisador Séchu Sende, que falou sobre os vencellos históricos entre a Galiza, Euskadi e Catalunya, reivindicando a Tripla Alianza (1923) e mais o primeiro encontro Galeusca (1933), polo seu "espírito internacionalista" e a reclamación da "soberanía política".

Posteriormente a xornalista Comba Campoy deu lectura ao manifesto acordado polas tres escolas, onde se recoñecían "iniciativas educativas populares, autocentradas nas nosas realidades nacionais, promotoras da renovación pedagóxica, laicas e sen fins lucrativos".

Koldo Tellitu (Ikastolen Elkartea) fixo énfase na situación de "fraqueza" da defensa da lingua nun ámbito educativo, o de Euskadi, que é "insuficiente" na tarefa da "euskaldunización". Tamén apuntou á "gravidade" da situación tanto no Estado español como en Francia, que obriga o alumnado de Ipar Euskal Herria a facer en francés a proba de nivel da Secundaria.

Eva Bertrana (La Bressola), Santiago Quiroga (Semente), Eduardo Maragoto (AGAL) e Koldo Tellitu (Ikastolan Ekartea). (Foto: Charo Lopes)
Eva Bertrana (La Bressola), Santiago Quiroga (Semente), Eduardo Maragoto (AGAL) e Koldo Tellitu (Ikastolen Elkartea). (Foto: Charo Lopes)

A directora de La Bressola, Eva Bertrana, criticou tamén a actuación do Estado francés, onde nas escolas se prohíbe as comunicacións coas familias en catalán, "mostrando ás crianzas que as cousas serias son en francés".

Pola súa parte, o coordinador nacional de Semente, Santiago Quiroga, sinalou o sistema galego de ensino público como "axente desgaleguizador" e chamou á "organización popular" para facer fronte a isto, pondo como exemplo que se logrou manter no currículo da Secundaria a materia de Xeografía e Historia da Galiza por mor da presión social.

Este acto do Galeusca proseguiu coa lectura dun poema en cada unha das linguas por parte de tres alumnas de Semente, e un concerto acústico de Guadi Galego e Carlos Abal puxo o ramo á xornada.

Comentarios