Escolas en galego e en vasco denuncian o "centralismo" que implica a Lomloe

O proxecto educativo galego Semente e o seu homólogo vasco, Ikastole Elkartean, observan con preocupación a nova norma educativa aprobada no Congreso dos Deputados. Segundo un documento de traballo elaborado por ambas as entidades, e ao que tivo acceso Nós Diario, as iniciativas de educación popular a prol da inmersión lingüística critican a Lei Orgánica de Modificación da LOE (Lomloe) porque “o novo cadro legal estatal é continuista en relación ao ámbito competencial, posuíndo un carácter eminentemente centralista, ao conservar o Estado español os elementos máis importantes para configurar os sistemas educativos galego e vasco”.
semente-trasancos

“A Lomloe non é o noso modelo, como tampouco o é o contexto educativo que nos impuxeron as numerosas leis orgánicas de educación durante os últimos 35 anos, porque todas limitaron e condicionaron o sistema educativo que necesitamos e queremos vascas e galegas. En Euskal Herria e Galiza a educación estivo e está en mans do Estado español (tamén do francés, no caso de Euskal Herria), desenvolvida, por tanto, segundo as súas necesidades e desexos”, sinalan desde Semente e Ikastole Elkartean, quen non dubidan en cualificar a nova lei, “en termos xerais, destacamos os fundamentos eminentemente centralistas e xacobinos das leis anteriores”. 

Semente e Ikastole Elkartean consideran que “necesitamos respostas máis construtivas, coeducadoras, inclusivas e eficaces, baseadas en cadros educativos normativos específicos, cuxos eixes estean reflectidos en leis educativas propias. No contexto legal actual, estas normas non serían garantía, mas si condición e oportunidade indispensábel para concentrar esforzos e dar unha resposta máis global ao redor de propostas educativas anovadoras, constituíndo un instrumento que promova medidas para superar as carencias detectadas na Lomloe, coa finalidade de pór o sistema educativo ao servizo da sociedade”.

Os colectivos pedagóxicos consideran positiva a disposición da Lomloe que derroga o carácter troncal do español recollido na Lei Orgánica de Educación (LOE) aprobada polo Goberno de Mariano Raxoi. Neste sentido, entenden que “os gobernos autonómicos poderán adoptar as medidas necesarias para que o alumnado atinxa as plenas competencias comunicativas en ambos os idiomas, permitindo afondar no modelo de inmersión lingüística que Semente e as Ikastolas aplican”. Nesa dirección, valoran as posibilidades abertas para avanzar na normalización do galego e do vasco e reclama vontade política aos Executivos de Feixoo e Urkullu.

"Acabar coas políticas galegófobas no ensino"

Semente insta o Goberno galego “para que acabe coas políticas galegófobas no ensino, levante a prohibición do noso idioma no ámbito científico-técnico e siga as recomendacións do Consello da Europa e da comunidade científica internacional no sentido de aplicar un modelo de inmersión lingüística no sistema educativo”.

O documento contextualízase no marco da alianza de colaboración asinada en 2018 entre Semente e Ikastole Elkartean. Precisamente, un dos obxectivos da mesma é “analizar e impulsar a coordinación de políticas perante os proxectos lexislativos do Estado español que limitan a creación do sistema educativo propio nas respectivas nacións”. Ao tempo, ambos os proxectos partillan obxectivos como “movementos de educación popular, de inmersión lingüística, sen fins lucrativos, autoxestionados, laicos, criados por iniciativa popular e promotores dunha educación nacional galega e vasca”.

Ikastole Elkartean é unha asociación cooperativa de ikastolas con actividade no conxunto do territorio de Euskal Herria, 111 centros educativos, 57.322 alumnos e 4.500 docentes, que presta unha atención moi recoñecida pola súa pedagoxía avanzada, un currículo en vasco e unha innovación permanente na aprendizaxe dos idiomas e das novas tecnoloxías. Pola súa banda, o proxecto Semente dispón de sete centros escolares, tres deles en Santiago de Compostela, conta con 140 alumnos, 13 educadores e unha estrutura de socios de máis de 500 persoas, destacando polo seu anovado modelo educativo, moi centrado na realidade do país e cun inequívoco compromiso coa lingua galega.

Comentarios