mércores 14/04/21
INMERSIÓN LINGÜÍSTICA

A escola monolingüe Semente abre as súas portas en Vigo

O centro radicado en Teis iniciou unha campaña de crowdfunding para financiar de maneira comunitaria varias reformas. A iniciativa promove ademais a apertura dun terceiro centro en Trasancos.

semente1

O pasado día 9 abriu as portas Semente Vigo, o primeiro centro educativo monolingüe en galego na cidade olívica. É o segundo destas características en Galiza após a posta en funcionamento da Semente Compostela. Unha iniciativa social, inicialmente impulsada polo centro social A Gentalha do Pichel (Compostela), que está orientada a sentar as bases dunha Escola Nacional Galega.

Todas as actividades son desenvolvidas en lingua galega nun espazo de pedagoxía transformadora

A Semente viguesa ten o seu centro no barrio de Teis. Nel, todas as actividades son desenvolvidas en lingua galega e realízanse arredor dun espazo de pedagoxía transformadora sob os principios de coeducación, laicidade, asemblearismo, interacción coa natureza, respecto á autoregulación da crianza e integración no contexto do seu barrio e cidade. 

Este primeiro curso enceta --polo momento-- con sete crianzas, mais a matrícula continúa aberta para cativas de entre 2 e 6 anos. Desde o colectivo valorizan o inicio da súa andaina en Vigo como “un feito histórico tornado realidade grazas ao apoio desinteresado das persoas”. 

Para alén da escola infantil, a Semente ofrece outros servizos e actividades. Entre elas salientan as “Sementinhas”, como espazo para bebés, a LudoteGa con materiais integramente en galego, así como a realización de obradoiros e cursos. Semente conta cunha horta propia, que integran no proxecto educativo, e un servizo de Babás (coidadoras en galego).

Campaña de crowdfunding

Conta cunhas instalacións de 100m2. Para completar a súa adecuación están a desenvolver reformas no espazo inferior e exterior. Para ese obxectivo, e tamén para mellorar a dotación de equipamento, Semente vén de iniciar unha campaña de financiamento comunitario (crowdfunding) a través da plataforma Goteo. 

A 27 días de que remate o prazo desa campaña de recadación, onde se poden realizar achegas de entre 5 e 500€, xa teñen atinxindo o 84% do obxectivo mínimo fixado de sumaren 4.550€. Até o momento son 69 as persoas que colaboran como cofinanceiras.

Tamén en Trasancos

A iniciatva continúa a estenderse polo país. Concretamente vén de botar a andar o proxecto para a creación dun centro Semente en Trasancos. A terceira escola cento por cento galega. Para facelo posíbel procuran tamén a colaboración económica de persoas concienciadas arredor da necesidade deste tipo de centros.O obxectivo é recadaren dez mil euros. Un importe necesario para acometer reformas, pagar asesoramento e crear un fondo para poder sufragar salarios.

comentarios