Equinoccio e olfacto, cc e ct: a ortografía galega dos grupos consonánticos, na lección 8 do curso de lingua

A seguir reproducimos un extracto da lección 8 do curso de galego, sobre interferencias sintácticas, que Nós Diario publica hoxe. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos e publícase a diaro nas catro páxinas centrais do xornal impreso.

lección 8 curso galego

Introdución

A ortografía é, xunto co léxico, o ámbito en que máis profundamente afectan as interferencias do español. Como linguas romances, galego e castelán posúen moito léxico con ortografía semellante, mais nin sempre é así. En xeral e coa evidente excepción das grafías g + e, i e j, substituídas na actual norma da RAG por x , o galego segue máis fielmente do que o castelán criterios etimolóxicos nas solucións ortográficas: se grafamos varrer con v é porque en latín xa era con v (verrere) e se escribimos harmonía con h é tamén porque en latín se escribía con h (harmoniam).

Debemos, por tanto, asentar as nosas propias solucións ortográficas, evitando trasladar para o galego automaticamente a ortografía do castelán. Nese sentido temos de prestar atención aos grupos consonánticos, onde son frecuentes os erros como consecuencia das distintas solucións nunha ou noutra lingua.

Grupos consonánticos

A grafía C forma parte de numerosos grupos consonánticos:

ct obxector

cc acceso

cl clan

cr cranio

cd anécdota

cn acne

Imos deternos nos dous primeiros por seren os que, en ocasións, aparecen mal grafados ou presentan dúbidas.

CC e CT

Os grupos cc e ct consérvanse se precedidos das vogais a, e, o: adxectivo, afección, conxectura, correctora, didáctico, disección, eccema, equinoccio, exactitude, insecto, insurrección, intelecto, intersección, lectivo, lactación, octaedro, obxecto, olfacto, proxección, reactivo, reflectir (reflicto, reflictes, reflicte...), refracción, respecto, sintáctico, vector...

—En galego o obxecto directo non leva preposición.

—∩ é o símbolo da intersección de conxuntos.

—A refracción é o cambio de dirección dunha onda ao pasar dun medio a outro en que a velocidade de propagación é diferente.

—A suma e resta de vectores ten en conta, alén da magnitude escalar, o sentido das magnitudes intervenientes.

—Hai millóns de receptores olfactivos que envían información ao cerebro.

Para que serve esa máquina da foto superior

Podes acceder ao resto da lección 8 adquirindo Nós Diario nos quiosques ou ben na nube.

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.


 

Comentarios