Segundo A Mesa, conseguir un programa das festas de María Pita en galego é misión imposíbel

A Mesa e a cidadanía denuncian a exclusión do galego do programa de festas de María Pita

Podes ter o programa das festas de María Pita en español e inglés. Mais non en galego. Unha exclusión que vén de mobilizar a entidades e colectivos, nomeadamente A Mesa e tamén a cidadáns e cidadás herculin@s que de xeito individual están a comunicar á concellaría de Cultura coruñesa o seu malestar por esta discriminación da lingua propia da Galiza e da cidade.

No programa mesmo se traduce a denominación, xa tradicionalmente en galego, de actos como a feira do libro ou Viñetas desde o Atlántico

O feito de non haber programas en galego non se debe a que se esgotasen, "ou por unha deficiente distribución, senón porque, tal e como o Consorcio de Turismo da Coruña recoñeceu nas últimas horas a través das redes sociais facebook e twitter a varias cidadás e cidadáns, nin sequera se chegaron a editar".

Respostas que non son aceptábeis

A Mesa denuncia que non se está a tratar o galego como unha verdadeira lingua oficial. O grupo local da Mesa na Courña sinala que “non son aceptábeis” as respostas recibidas por veciñas e veciños da cidade a través das redes sociais desde o perfil de Turismo da Coruña ao solicitaren o programa das festas en galego: “En el programa publicado se hace un guiño a los dos idiomas y se juega con ambos” ou “Nas oficinas de Turismo temos os programas que máis demandan os visitantes, en castelán e inglés”, entre outras respostas polo estilo. “Subxace en todas elas a consideración de que, no mellor dos casos, o galego é unha lingua estranxeira máis, por tanto prescindíbel”, lamenta A Mesa, que recorda que “o uso dunha lingua oficial, mentres o sexa, non se pode someter a un simple criterio da demanda”.

Sintomático

A asociación destaca como “sintomático” que na edición da programación festiva en español, amplamente difundida, se chegue ao extremo mesmo de “traducir denominacións amplamente consolidadas en galego desde hai anos”, como é o caso da feira do libro, a feira das marabillas na cidade vella ou mesmo o prestixioso salón Viñetas desde o Atlántico. Pola contra, respéctanse escrupulosamente as denominacións en inglés, como acontece coa Tall Ships Race.

A delegación da Mesa inicia, como xa fixera o ano pasado, unha campaña de envío de correos electrónicos á concellaría de Cultura demandando “espazo para o galego” na actividade festiva da cidade. A entidade anima para este envío a toda a cidadanía, “que desexa poder gozar das festas de María Pita tamén na lingua propia de Galiza e da Coruña, independentemente de cal sexa a lingua que empregue habitualmente”. O correo-e da concellaría é [email protected].


Comentarios