Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega

"A efectos da fala, Feijóo é Feixóo"

Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) é un conversador torrencial e manexa con destreza todos os rexistros. Domina a frase curta, mais tamén a sintaxe máis alambicada. É sempre un escritor, até cando fala. É tamén unha personalidade poliédrica, non reductíbel a un arquetipo. Novelista, ensaísta, xornalista, editor, presidente da Real Academia Galega. Nesta entrevista falamos sobre a iniciativa da RAG a favor da restitución dos apelidos á súa forma orixinaria, galega, mais tamén acerca do estado en que se acha o galego ou a propia institución que el preside, coa inevitábel figura de Ferrín a se recortar no horizonte. "Son partidario das políticas de inmersión lingüística", afirma.

Víctor Freixanes
photo_camera Víctor Freixanes

Continúa a me impresionar o edificio da faculdade de Xornalismo, na USC, obra de Álvaro Siza, arquitecto multi-premiado. Si, mais apenas deixou espazo para os despachos dos profesores, verdadeiramente pequechos. "Son como as celas dun mosteiro", brinca Freixanes, cando nos franquea a porta do seu minúsculo gabinete. Case que non hai sitio para as estanterías. É cuarta feira. Cóntolle que Sermos leva uns días a publicar textos, quer no semanario, quer no dixital, sobre o proceso de restitución dos apelidos galegos á súa forma patrimonial e xenuína, a galega. A Real Academia Galega deu un pouco a pistolada de saída a ese debate coa publicación do seu estudo Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización. Damos comezo por aí á conversa.

-Que está a facer a RAG para que o seu traballo sobre os apelidos en galego resulte nunha efectiva recuperación dos patronímicos orixinarios do país?

-A sección de onomástica e toponimia da academia leva tempo a traballar neste ámbito e tamén no da macrotoponimia. Son dúas dimensións importantes deste seminario. E efectivamente saímos con esa publicación para dar resposta a moitísimas perguntas, demandas, de xente, que quería saber que facer co seu apelido, como facer para o galeguizar, para recuperar a súa forma histórica e xenuína. Os cidadáns demandaban unha información académica e científica. Entón era tal a fervenza de peticións que decidimos elaborar un estudo, un compendio de liñas orientativas, sobre todo para que desde os concellos, desde os servizos de normalización, ou mesmo no ámbito xudicial e funcionarial, se puidesen resolver as cuestións que se lles formulasen por parte dos cidadáns. E cal foi o resultado? Pois foi publicar o libro e o que se nos veu enriba foi...

 

-Unha avalancha de consultas.

 

-Si, iso mesmo, o estudo estimulou a curiosidade, as perguntas e as demandas. E logo, claro, sempre te atopas con algúns xuíces, algúns departamentos, que poñen dificuldades á xente para que regularice o seu apelido, para que recupere a forma patrimonial, para que galeguice o seu nome. E daquela vémonos obrigados a entrar un pouco na información necesaria para que o usuario, o cidadán, teña todos os dados ao seu dispor, para garantir os seus dereitos perante as administracións. E esa foi a motivación dun traballo que lle levou moito tempo e moita dedicación ao seminario de onomástica e toponimia.

 

Víctor Freixanes

 

-Hai máis ou menos resistencia no estamento xudicial ou no funcionariado do que no pasado?

 

-Hai de todo. O que acontece é que agora se ve máis, esa resistencia. Primeiro, hai moitísimas máis demandas de recuperación, eu a palabra galeguización non me gusta moito referida a este tema, dos apelidos. E despois cando se produce un conflito -se por exemplo é Rey con y grego ou con i latino- pois salta aos medios, é máis espectacular.

 

-Por que non gostas do termo 'galeguización', por que prefires falar de recuperación dos apelidos?

 

-Ben, porque me parece que é máis auténtico para nos referirmos ao rescate das formas históricas. Mais tamén podo aceptar o termo galeguización. Non hai problema con iso.

 

-Nestes anos de autonomía si que houbo un avanzo claro na recuperación da toponimia xenuína do país, mais ese mesmo fenómeno non aconteceu coa antroponimia. A que o atribúes?

 

-Porque a antroponimia é moi persoal. Así como na toponimia hai unha predisposición social clara a prol da recuperación dos nomes patrimoniais dos lugares -e nestes anos avanzouse moito, aínda que fica camiño por percorrer-, o da antroponimia xa é algo que atinxe o ámbito da decisión particular do individuo, da persoa. Ten a ver con que alguén queira ou non queira. O nome ou o apelido ten detrás unha historia simbólica, afectiva, familiar. Atinxe a identidade ao longo da vida. E entón non todo o mundo fai ese paso. Por exemplo eu sigo sendo Víctor, non Vítor.

 

-Sobre iso íache perguntar despois...

 

-Contéstoche agora. Eu sigo sendo Freixanes.

 

Entrevista Xosé Mexuto a Víctor Freixanes

 

-Non Freixáns.

 

-Non, Freixáns, non. Freixanes. E sei que é unha forma rara. Meu irmao e máis eu somos os únicos Freixanes que existen no mundo. O meu irmao o pintor e máis eu. Meu avó era Freijanes e pediunos que por favor... que non fixésemos tal... e o que demos feito foi unha especie de mestura e aí quedou... E, claro, hai tantos anos, 40 anos, exercendo así, que xa fai parte de min, e como se me apelidase Coca Cola, sabes que nos EUA hai xente que decidiu apelidarse Coca Cola, non? [risos]. O apelido é para quen o traballa. Os apelidos até se inventan. Pois isto é un pouco así.

 

-Desbotas por tanto que apareza Vítor Freixáns.

 

-Si, si que o desboto, eu son Víctor F. Freixanes, de toda a vida, o F de Fernández póñoo aí porque meu pai se cabreaba, dicía que o ninguneabamos. Estes son cariños que teñen que ver coa crónica sentimental de cada quen. Iso ocorre moito cos apelidos. Hai xente que non recupera o nome patrimonial histórico porque, claro, o que levas é o nome da túa familia, o nome dos teus avós, o nome dos teus pais. Na Academia hai bastantes académicos que non revisaron os seus apelidos. É unha decisión persoal. Por outra banda, ten certa graza, eu tiven bastante problema co meu Freixanes. Non o aceptaban. Cando pedía información aos compañeiros da academia para mudar Freijanes por Freixanes o seu ditame era negativo, claro.

 

-Entón como o conseguiche?

 

-Nada, finalmente fun ao xulgado e díxenlles: "Eu son Freixanes. Son Freixanes, quero ser Freixanes porque levo toda a miña vida profisional como Freixanes, desde que me situei no mundo da conciencia da lingua galega, son Freixanes. Meu irmao o pintor tamén asina como Freixanes. Os meus libros e as miñas colaboracións na imprensa están como Freixanes. As miñas nóminas da Seguridade Social, os meus contratos laborais son Freixanes, de sempre". Só tiña Freijanes na seguridade social e no documento de identidade. E ás veces saltábame, mais eu a verdade é que non lle facía caso. Mais un día no avión, en México, quedei colgado, porque, claro, a min me expedían os billetes como Freixanes e eu no pasaporte tiña Freijanes. E non me deixaban saír do país. A partir dese momento díxenme, uf, isto hai que regularizalo. E entón fun ao xulgado perguntei, e dixéronme alí: "Pero a vostede todo o mundo o coñece como Freixanes", "si", "pois faga unha instancia". E non houbo problema. "Ten vostede documentación acreditada que o demostra", dixéronme.

 

-Tiveche sorte co funcionariado.

 

-Pois seguramente.

 

-Recomendarías a Feijóo que pasase a ser Feixóo?

 

-Voltamos ao de antes. É unha cousa tan persoal que eu nunca obrigaría a ninguén a iso. Depende da consciencia do señor Feijóo se quere poñer Feixóo. Ten en conta que a efectos da fala Feijóo é Feixóo. A 'jota' de Feijóo é unha iota digamos histórica.

 

-Ti pronuncias sempre Feixóo?

 

-Ben, ás veces pronuncio Feijóo, depende do nível de cabreo que teña en cada momento [risos]. De todos xeitos, si que quero dicir que por mudares o apelido non es máis ou menos galego, nin máis ou menos galeguista.

 

-Cres que non ten nada que ver?

 

-Comprometerse coa identidade nacional do país, coa súa lingua, coa súa cultura, non ten nada que ver con iso, ten que ver coa túa práctica real, coas cousas que fas na vida. Hai moita xente que anda por aí e que se viste de non sei que, que lle pon nomes galegos aos seus fillos -porque lles parece máis exótico- e logo falan con eles castelán todo o día.

 

Víctor Freixanes

 

-Ben, pasamos a outro capítulo, o do teu balanzo como presidente da RAG. Elíxente presidente en marzo de 2017. Estiven a revisar as crónicas da imprensa dese día e nelas había un denominador común: o de apresentar a academia como unha institución marcada pola división interna. Continúa a estalo?

 

-Pois hai un sector que segue un pouco nesa posición. É certo que é un sector minoritario e que ten todo o dereito a manter esa posición. Eu creo que están equivocados. A verdade é que neste ano fixemos un esforzo grande para integrar, para abrirmos canles de colaboración, e de feito traballamos xuntos en moitas cousas. Mais en determinadas cuestións pois de cando en vez salta a chispa e, ben, é unha pena, porque iso fainos perder enerxía. Mais, ben, na academia temos unha maioría agora indiscutíbel a favor do traballo que se está facendo e tamén debo dicir que hai unha disponibilidade de todo o mundo a traballar, tamén por parte da xente que poda ter discrepancias puntuais. E logo hai un caso moi concreto, que é o caso Méndez Ferrín. En todo caso, eu prefiro adoptar a posición que creo que me corresponde como presidente, a de tentar conciliar todas as vontades, sabendo que hai vontades que queren facilitar ese proceso de reconciliación e que hai outras que se inclinan más por marcar as diferenzas. En todo caso, o clima da academia é de traballo, é francamente bon e moi construtivo. Traballamos nos seminarios de lexicografía, no de onomástica e de toponimia, no portal das palabras, no Día das Letras Galegas, nas distintas seccións... traballamos xuntos todas esas persoas de distinto cariz. Como en toda organización democrática, pois hai distintas maneiras de pensar e de ver as cousas.

 

-Para os leigos na materia, para os non iniciados, o Freixanes xornalista como sintetizaría as posicións distintas que hai no seo da Academia?

 

-Imos ver. Eu penso que hai aí unha especie de resentimento ou de vontade de querer restaurar unha situación que non é restaurábel. Houbo unha crise interna na organización resultado dunha determinada xestión que nun dado momento saíu á luz, fóra e dentro da institución. Puidemos discutilo dentro, mais saíu fóra. E cada quen asumiu as responsabilidades que tiña e a min tocoume nun momento determinado deixar claro que a institución está por riba das persoas. Nós non podemos por nada do mundo discutir nen a lexitimidade nen a utilidade histórica da Real Academia Galega. A RAG está por riba das persoas e dos egos que nun momento dado podamos ter cada un de nós. E eu inclúome.

 

Víctor Freixanes

 

-Referíchete a Ferrín, unha figura central da literatura galega contemporánea. Como está a súa situación en relación á academia? Hai unha certa confusión sobre se a RAG acaba de iniciar ou non o procedimento de expulsión de Ferrín.

 

-A Academia galega nunca expulsou Ferrín. Nunca. Ferrín -despois duns debates que non só se referían a el, senón tamén a un grupo de académicos- tomou unha decisión persoal, no canto de nos dar unhas explicacións que nós considerabamos necesarias. El podía ter esclarecido algunhas cuestións perante o plenario da Academia, o plenario non quería en absoluto que marchase ninguén, só pretendía que fosen clarificados algúns aspectos sobre a súa xestión [de Ferrín como presidente]. Está perfeitamente documentado todo. Nesa situación Ferrín considerou que non tiña o suficiente apoio, que non tiña a confianza da maioría da institución e decidiu o que decidiu [apresentou a súa demisión como presidente da RAG en febreiro de 2013]. Aquilo foi un shock emocional moi importante, e a organización pediulle por favor que non marchase. Suplicamos que non se fose. Mais el adoptou unha posición de xeito inequívoco. Devolveu a medalla, o diploma, todos os elementos que podían ser acreditativos da súa condición de académico. E pediu que fose retirado o seu nome da listaxe de académicos. Iso aconteceu nese día ou nos días seguintes a ese shock emocional que foi a súa marcha. E a academia nese momento tomou a decisión de non cubrir a súa vacante, mesmo coa esperanza de que algún día puidese solicitar o seu reingreso. Así se viviu este asunto durante todo este tempo, durante todo o mandato anterior [o de Alonso Montero] e durante o actual, até que na última sesión plenaria un grupo de académicos pediu que se restituíse o nome de Ferrín na lista de membros da Academia e que se restaurase un pouco a súa figura. Iso volveu encender a polémica. Hai académicos que se sentían incómodos por algunhas declaracións feitas nos xornais sobre o comportamento da RAG e que pedían dar unha resposta perante determinadas críticas. Iso abriu o melón. A miña posición -e así llo comuniquei á xente- foi a de dicir: "Non abramos esa historia". Deixémolo así e así está porque o señor Ferrín decidiu iso. Se Méndez Ferrín decidir outra cousa, a Academia considerará esa outra posibilidade.

 

-Mais a RAG si que se dirixiu a Ferrín para saber se se reafirma ou non na súa marcha.

 

-Si, o secretario da Academia escribiulle e trasladoulle o mandato que o plenario lle dera á directiva, basicamente perguntar a Ferrín sobre a súa posición a respeito da súa renuncia, cinco anos despois de que esta se producise.

 

-E respondeu Ferrín?

 

-Non, Ferrín non respondeu.

 

-E se responde confirmando a súa renuncia?

 

-Pois daquela a Academia reunirá o seu plenario e considerará esa resposta.

 

-O proceso pode acabar en que Ferrín sexa expulsado por parte do plenario?

 

-Non, nunca será expulsado. Foi Ferrín quen marchou. A Academia pode adoptar dúas posicións: ou deixar as cousas como están -e nesa eventualidade, estudar se se cobre a praza que deixou vacante- ou se el quer volver, reconsiderar a posibilidade do seu reingreso na institución. Esa en todo caso é unha decisión do plenario, que é o órgao en que está depositada a soberanía desta organización. A miña opinión persoal é deixar as cousas como están, mais tamén gostaría de que Méndez Ferrín dixese que quer facer.

 

-Ti gostarías de que volvese á institución?

 

-Eu gostaría regularizar todo isto. Iso é o primeiro. Mais as cousas sucederon como sucederon e dixéronse moitas cousas. Por parte de todos. En calquera caso, hai un conceito que me parece moi importante salientar: o plenario é o depositario da soberanía da institución. É como nunha empresa o Consello de Administración. A presidencia e a Executiva son o brazo executor das decisións estratéxicas que ese plenario adopta. E ao plenario hai que informalo non da calderilla pequena -non ten sentido, para iso delega na executiva-, pero si das decisións estratéxicas que afectan o goberno da institución. Non se poden tomar decisións sen que o plenario o saiba. E se o plenario un día descobre que se están a facer cousas das que non está informado, pois é lexítimo que pida información. E a partir daí é cando se desatan as cousas [a crise que levaría á demisión de Ferrín].

 

Víctor Freixanes

 

-Pasemos páxina deste asunto. Como xulgas o estado de saúde do galego?

 

-Malo.

 

-E a responsabilidade da Xunta?

 

-Moita, porque é a responsábel do goberno. A ver, despois de facer esas dúas afirmacións, matizo. Todo é matizábel. A gama dos grises é moi importante. Se o vemos desde unha perspectiva histórica, eu digo sempre que a lingua galega deu pasos xigantescos no seu recoñecimento, na súa valoración, no seu prestixio, no seu uso, etc. Iso é certo. Vexamos o número de falantes cualitativos, isto é, falantes conscientes, que se sitúan no galego porque toman a decisión de así o facer. Aí houbo un avanzo grande. Eses falantes son ben distintos da miña avoa de Tui que cando vía que nós falabamos o galego cos nosos fillos me reprendía con cariño e con retranca:  "E ti falándolle galego aos rapaces! As cousas malas apréndense soias!!". Esa era a mentalidade dominante, que é a de moitas xentes das aldeas, do rural, que de repente falan en galego na casa, mais que aos fillos lles falan en castelán. Por tanto, cualitativamente a mudanza foi formidábel, unha mudanza a mellor. Ora, cuantitativamente, o galego perdeu falantes dun xeito importante. Aquí a Xunta de Galiza argumenta que o galego ten aínda maior percentaxe de falantes do que o euskera e o catalán. Pero por que? Porque nós partíamos dunha posición histórica moi favorábel [moi superior no número de utentes da lingua] en relación a Catalunya e Euskadi. Mais o retroceso nestes anos ten sido moi inquietante e, nese sentido, estou especialmente preocupado pola perda de falantes entre as nenas e os nenos e na mocidade en xeral. Coas políticas seguidas até agora non se foi capaz de nos ámbitos urbanos incorporar a poboación nova ao galego. E a nós cónstanos -e iso está nos estudos que se levan feito, non só nos da RAG, senón nos da universidade ou nos do Consello da Cultura Galega- que nenos que falan galego na casa -mesmo con pais que militan no idioma- unha vez que chegan á escola, perden a lingua. Esa é unha responsabilidade da administración pública. Do goberno, que é o responsábel da planificación lingüística. É certo que perdemos falantes en grande medida porque a poboación máis vella vai desaparecendo, e os falantes historicamente están situados nas franxas etarias de maior idade, mais a min o que me preocupa é a mocidade. Eu adoito perguntarlles aos meus alumnos: "se sabedes falar galego, se o escribides, se o ledes, se o falades comigo en clase, por que logo non o empregades fóra da faculdade, nas vosas relacións sociais". Que é o que realmente está pasando?

 

É un tema que me produce unha enorme preocupación. En sociolingüística distínguense tres fases para a recuperación da lingua. A primeira é a competencia. A sociedade ten que ser competente. E eu creo que as novas xeracións son competentes na lingua. Saben ler, falar e escribir. Están en condicións de facelo. A segunda fase é a da motivación. Aí pode haber matices, mais en xeral dos estudos que nós facemos tiramos a conclusión de que a xente nova está motivada a prol do galego. Onde está o problema é na terceira fase, nas ocasións de uso. Aí temos o problema. Ocasións de uso, que quer dicir? Pois quer dicir, no lecer, na comunicación, nos meios, nas discotecas, nos comercios, na vida. E aí é onde de repente a lingua cae. E é entón cando a lingua queda agochada ou en círculos afectivos de amigos e amigas, ou en círculos familiares resistentes ou en núcleos ideoloxizados. Mais eu dígoo sempre: non podemos pensar que a normalización lingüística significa ideoloxizar o país e converter todos os cidadáns, homes e mulleres deste país, en militantes guerrilleiros da lingua. Iso é un disparate. E nesa terceira fase si que vexo unha clara responsabilidade da administración pública. Á Xunta éncheselle a boca, como hoxe -que vén na prensa dicindo que vai haber campañas de fomento da lingua galega na mocidade-, mais realmente despois mira para outro lado.

-E que tería de facer a Xunta que non estea a facer?

-Para empezar, a política de galeguización nas escolas infantís. A seguir, facer políticas verdadeiramente pro-activas a prol do uso do idioma. Unha lingua que leva séculos asoballada e esmagada necesita unha política de estímulos. Eu son partidario das políticas de inmersión. Xa sei que hai xente que lle dá medo a inmersión, porque lle parece que estamos desterrando o castelán. Aquí ninguén quer desterrar o castelán. É unha riqueza que nos comunica con centos de millóns de persoas, como o é o portugués. Mais ou creamos espazos onde a lingua de xeito normal viva ou non reverteremos a tendencia ao recúo. O galego debe estar presente en todos os ámbitos do ensino, sen interrupción, tamén nos recreos. Non pode ser que un profesor que malamente lle fale en galego aos nenos na clase, logo cambie de rexistro ao abandonar a aula... Hai que facer unha política a favor da lingua, de prestixio, de uso, de práctica social. Eu son consciente de que iso non é doado. Eu non teño unha variña máxica coa que dicir: "Alá, pois veña, a partir de mañá...". Nin tampouco podes impoñerlle isto por real decreto á poboación. Mais si pode haber estímulos e políticas públicas para mudar as estruturas educativas. E iso non significa que nos debamos cinxir ao ámbito do ensino. O galego tamén ten que saír da escola. Hai que conseguir que sexa unha realidade social fóra do guetto escolar. O desafío para o galego hoxe está nos usos, nos espazos de usos. Hoxe quen queira ver películas en galego nas salas comerciais... non as hai! 

-E a túa relación como presidente da RAG co goberno galego?

-Eu teño amigos que están na administración pública, cos que discrepo, e cos que teño unha boa relación persoal. Ti podes ter diferenzas e podes levarte ben coas persoas.

-Mais pouco caso lle fan á academia...

-Pero tampouco lle fan caso ás universidades, tampouco lle fan caso ao Consello da Cultura Galega, que di o mesmo que a Academia. Os estudos están aí...

Víctor Freixanes

-Por falar dun fenómeno de masas actual, cando ves Fariña e ves que todos os personaxes falan en castelán e meten algunha palabriña en galego polo medio, que pensas?

-A min paréceme positivo iso, entre outras cousas porque é unha serie que se está montando para alén de Galiza, para toda España, e é interesante iso. E segundo porque ese rexistro lingüístico -o castrapo do país- dálle unha credibilidade a unha serie que vive a cabalo entre a ficción e o documental, é un especie de documental histórico ficcionado.

-Mais non se dá así carta de natureza ao castrapo?

-Home, depende de como o enfoques, depende de como o queiras ver. Eu creo que ten máis aspectos positivos que negativos. 

-Imos concluíndo. Quería coñecer a túa opinión sobre a proposta a favor do binormativismo que se está a facer desde por exemplo a AGAL ou desde sectores que asumiron a actual norma oficial, mais que preconizan un maior achegamento ao portugués; estou pensando no profesor Freixeiro Mato. O binormativismo -a coexistencia de dúas normas do galego, embora unha puidese ter prevalencia sobre a outra- permitiría acabar coa discriminación que sofren escritoras e escritores relevantes do país que teñen tomado a súa opción a prol da reintegración da lingua ao espazo lusófono.

-A ver, todas as linguas do mundo teñen unha soa ortografía.

-Está o caso noruegués...

-Non, a ver, aquí hai unha ortografía. Estamos nun momento delicado. Estamos intentando que o país se recoñeza no rexistro culto do idioma, xa bastantes violencias se producen en moita xente, á que lle tes que explicar que unha cousa é o rexistro coloquial e outra, o culto. Ben, incrementar a confusión sería suicida. Dito todo isto, eu son partidario de, na medida do posíbel, avanzar sempre cara á irmandade coa familia lusófona, o portugués, o brasileiro, etc. Mais sen perder a identidade do galego! Hai algúns amigos que che din: "O galego está moi ben para falalo" -a tese histórica de Rodrigues Lapa- "mais para escribilo xa hai unha norma culta consolidade que é o portugués". Ora, se aceptamos iso, tamén haberá outra xente que diga: "Ben, pois seguimos falando galego, mais aceptamos o castelán como norma culta". Ben, cada un acepta o que lle cadra. O castelán ou o inglés, que é o fetichismo ridículo no que estamos. Hai determinados centros, e volvemos á política educativa, que de repente centran todos os esforzos no inglés e nos que o galego acaba sendo unha especie de vasoira no faiado. 

-Fechamos a conversa: o Freixanes escritor, resiste ou non resiste?

-Mal, mal, mal. Cando decidín xubilarme en Galaxia ou aquí na Universidade -aínda que aquí me fixeron a honra de me nomear profesor ad honorem-, pois eu tiña dúas novelas empezadas, un libro de ensaio, tencionaba recuperar algunhas cousas. Recuperei Unha ducia de galegos, agora O Triángulo inscrito na circunferencia sae co texto definitivamente fixado... Porque eu como editor, non sei se fun bon ou mau, xúroche que me envorquei cos autores, traballei con eles todo o que fun capaz, mais como editor de min mesmo... un desastre! Todos os meus libros descatalogados, todas as  miñas novelas están esgotadas... Ben, é certo que teño moi parada a miña historia como escritor. Non o levo ben. De cando en vez éntrame o arrebato. Teño aquí [sinala o computador] algunhas cousas. Mais despois cando as releo dígome a min mesmo: "Pero a quen lle interesa isto?". Ora, tamén teño reconciliación cos leitores. Hai unha lenda urbana que vén dicir iso de que "as novelas de Víctor son moi dificiles". Ben, nós cando eramos chavales líamos cousas moitísimo máis complicadas. Hoxe estase a producir unha mudanza nos hábitos sociais e hai que se perguntar se a xente le ou non le e que tipo de produtos culturais consomen. Por exemplo, os meus alumnos xa non ven televisión ningunha, todos están enganchados a Youtube ou descargan as súas series nos computadores, vénas nos móbiles! Ora, despois atópaste co caso dunha profesora, Olga, que dá clases en Curtis, que leu o Cabalo de Ouros [a súa última novela, publicada por Galaxia en 2011], que lle gustou moitísimo e que lla deu a ler aos seus alumnos de primeiro de bacharelato. Pois ben, hai en Youtube un vídeo dunha rapaza de 16 anos falando durante sete minutos de Cabalo de Ouros que xa quixera eu que moitos críticos literarios fixeran o que fai esa moza. Alén de ser moi simpática e tal. Fun ao instituto. Falei cos rapaces. Uns 40. Con moita información sobre a novela, con moita curiosidade polo tema do wolfram, non sabían que existían os cantares de cego, que é iso, e tal, perguntaban. Que quero dicir con isto? Pois que cando saín dalí, volvín pensar: "Voume pór escribir outra vez". Por que? Porque a literatura se alimenta do cariño das leitoras e dos leitores. Cousas como esta de Curtis cárganche as pilas. Logo, claro, sempre hai quen che di: "Home, xa sei que escribes moi ben, pero eu cheguei á páxina 70 e non dei pasado de aí". Pero, ben, así é este oficio. Non hai que facerlle.

Comentarios