Educación reunirase co profesorado Celga

O conselleiro, Román Rodríguez, accedeu após o encerramento de representantes docentes e da CIG-Ensino nas dependencias de Política Lingüística.

CIG Ensino
photo_camera [Imaxe CIG-Ensino]

Tivo que ser pola forza, mais foi. Após anos exixindo unha xuntanza do profesorado Celga coa Consellaría de Educación, esta quinta feira (7 de maio) o novo responsábel de ensino do goberno galego, Román Rodríguez, accedeu a se reunir co persoal docente. Será o vindeiro día 18 ás 13h. 

Para lle arrincar este compromiso foi necesario un encerramento nas instalacións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha acción á que acudiron representantes do profesorado Celga e da CIG-Ensino, entre @s que se atopaba o secretario nacional da central sindical, Anxo Louzao. 

Sentenzas

O encontro producirase após anunciar a Consellaría que re-admitirá o profesorado que conte con sentenza favorábel do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Nos fallos xudiciais obtidos até o momento recoñécese que o despedimento deste colectivo docente foi unha acción "represiva" por parte do goberno galego logo de que as traballadoras e traballadores denunciasen as condición de ilegalidade en que se atopaban a traballar. 

Neste senso, o Superior non só exixe a súa reincorporación como persoal contratado senón que lles sexan retribuídos os salarios adebedados así como as cotizacións á Seguridade Social correspondentes ao tempo en que estiveron traballando. 

Porén, desde a CIG-Ensino denuncian que, malia o anuncio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística continúa sen convocar os cursos de galego para persoas adultas deste ano. Un feito que atribúen á "obstinación da Consellaría de non contratar este profesorado malia as sentenzas". 

Na xuntanza, din desde a central sindical nacionalista, reclamarán "unha solución definitiva para este colectivo". 

Comentarios