domingo 24.05.2020

Ecocidio, feminicidio, narcosubmarino, negociación, quecemento global e sentidiño, finalistas na Palabra do Ano

O público poderá participar na votación virtual que se manterá aberta ata as 23:59 horas do 25 de decembro a través do Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.

(Europa Press)
(Europa Press)

A fase de recollida de suxestión pechouse o pasado domingo con perto de 7.000 achegas que sumaron unhas 400 palabras diferentes. Moitas delas reflicten, igual que as finalistas ecocidio, quecemento global e feminicidio, a crecente preocupación social polo dano ambiental provocado pola acción humana e pola desigualdade de xénero.

A situación política local e global tamén deixou un regueiro de suxestións, entre elas negociación. Neste mesmo contexto, entre outros, podería encadrarse igualmente a proposta de sentidiño, moito máis ca un diminutivo convertido polos falantes nun xeito de noso de referírmonos ao sentido común.

O 2019 foi ademais o ano en que comezamos a empregar a palabra narcosubmarino. Esta é outra creación neolóxica, de orixe americana, que irrompeu na nosa contorna tras ser interceptado o pasado mes de novembro na costa galega, por primeira vez en Europa, un navío deste tipo dedicado ao tráfico de drogas.

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico da nosa lingua. "A palabra do día" é unha das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Nas edicións anteriores gañaron deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) -cadrando co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

comentarios