Dúas campañas fomentan o uso do galego nestas festas

“Consumogustos, etiquetados en galego” e “Vende en galego, vende en Nadal” procuran que estas festas a lingua galega teña o protagonismo que merece nas nosas compras.
Campaña Cosimogustos

Consumir en galego e vender en galego son as propostas de dúas campañas que coinciden estas festas a través de dúas propostas que realizaron o Foro Peinador e a Confederación de Empresarios de Galiza (CEG). Dous puntos de vista co mesmo obxectivo: a maior presenza da nosa lingua na rúa nestas datas.

A campaña “Consumogustos, etiquetados en galego”, procura a sensibilización d@s consumidor@s cando exercen o seu dereito a escoller un ou outro produto. “O consumidor pode trasladar ao distribuidor e este á empresa a mensaxe de que en galego vende mellor”. Xosé González, do Foro Enrique Peinador, asegura que se en calquera situación podemos mudar a conduta das empresas que non respectan o idioma propio do país. “Crear debate na rúa mesmo cando vas tomar un viño e a etiqueta esta en castelán, se o adegueiro transmite a opinión do cliente que prefire a etiquetaxe en galego este, se quere vender, mudará a súa conduta”.

O Foro Enrique Peinador realiza dúas grandes campañas anuais deste tipo, a de verán e a destas festas. O aumento do consumo é unha das razóns polas cales prefiren centrar os seus esforzos nestas dúas épocas do ano. “Empregamos as redes sociais polo seu baixo custo e grande efectividade”. González asegura que mesmo as grandes multinacionais teñen en conta as opinións que sobre elas aparece en internet e non son poucos os casos en que rematan por escoitar o que pensan os seus clientes. “Na Galiza hai moita militancia política, ten que activarse a militancia lingüística de consumo”.

“O consumidor pode trasladar ao distribuidor e este á empresa a mensaxe de que en galego vende mellor”

Fomentar o galego desde a empresa

O Servizo de Normalización Lingüística da CEG leva cinco anos traballando con campañas e asesoramento tanto as empresas asociadas como a outras que venden os seus produtos no noso país, caso dalgunhas de Euskadi ou Catalunya. “A nivel interno elaboramos moitos documentos e tamén contestamos as peticións que recibimos”. Ángeles Fiúza, a súa responsábel, explica que as empresas valoran cada vez máis a estratexia de proximidade. “As grandes porque teñen estudos de mercado e saben que a lingua ten un valor para gañar en fidelidade na clientela”. Os que máis empregan este servizo son os Centros Comerciais Abertos e cooperativas como a da praza de abastos de Compostela.

A campaña actual, “Vende en Galego, vende en Nadal”, forma parte das catro que realizan ao longo do ano en datas como a época de rebaixas ou a volta ao colexio. Funciona tamén a través da rede con material que cada empresa ou comercio pode descargar gratis, caso de carteis e felicitacións. “As empresas e comercios que máis se achegan a nós son as de alimentación e hostalería”, sinala Ángeles Fiúza, “comprobaron que co galego teñen máis ingresos”.

Comentarios