A dobraxe mobilízase perante a "crítica" situación do sector

Denuncian a precariedade d@s traballador@s e que a TVG non está a executar o orzamento total destinado a dobraxe.

alouminhar
photo_camera [Imaxe @alouminhar]

"Sen dobraxe... non falan galego". Eis o lema das reivindicacións que levan consigo @s profesionais da dobraxe. "Máis de 200 familias", entre actrices, actores, persoal de dirección, administración e ligüistas, sinala Andrés Bellas. 

O sector atópase nunha "situación crítica" e por iso decidiron concentrarse ás portas do Parlamento de Galiza esta segunda feira (19 de outubro). Entre as súas denuncias atópase o incumprimento da TVG, que apenas executa o 35% do seu orzamento en dobraxe, mais tamén a precariedade que atinxe @s profesionais rexid@s por "contratos verbais diarios" que @s levan a cotizar "só os días que traballamos" ou directamente en réxime de autónomos. Aliás, explican, das 7 empresas que son provedoras de dobraxe á canle pública, unha delas atópase "en liquidación" o que pon en risco o futuro de "máis de 200 familias". 

A TVG apenas executa o 35% do orzamento proxectado para dobraxe

Entre despedimentos o Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) o sector, advirten, atópase nun "punto de non retorno" e camiña cara á "desaparición", sinala Bellas, polo que exixen "solucións". 

Neste senso, lembraron ás portas do Pazo do Hórreo a importancia que a propia RAG lle outorga a esta disciplina polo seu valor estratéxico para a visibilidade do idioma mais tamén a obriga legal da Compañía de Radio-Televisión de Galiza que estabelece a Lei 9/1984 atribuíndolle, no seu primeiro punto, "a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso aos distintos xéneros de programacións e aos eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a todos os segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas por dita Compañía a través das sociedades Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., así como de calquera outra que poida crear no futuro". 

Comentarios