Aplicación do Dicionario da Universidade de Vigo

Do galego para dez linguas no teléfono móbil

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo vén de publicar unha aplicación para dispositivos móbiles co seu dicionario Galnet, “o maior dicionario plurilingüe do galego”. Con traducións e sinónimos en dez linguas, a app atópase de balde en Google Play.
 

app Galnet 2
photo_camera A aplicación Galnet para teléfonos móbiles. Ilustración: cedida.

Galego, portugués, catalán, vasco, español, inglés, alemán, latín, italiano e chinés son os idiomas da ferramenta. Que emprega o repertorio léxico de WordNet, “un proxecto internacional en que participa o Seminario de Lingüística Informática desde 2010 co obxectivo de integrar o léxico galego nesta rede semántica interlingüística”. As explicacións son do profesor da facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart, que coordinou o Galnet.

No dicionario da Universidade de Vigo agora dispoñíbel para teléfonos móbiles hai 725.000 palabras, 70.000 das cales son en galego.

“Galnet é unha rede léxico semántica para lingua galega, un recurso léxico-semántico para a lingua galega estándar para todas as aplicacións informáticas que traballan coa linguaxe”, explica Gómez Guinovart, “ten moitas utilidades pero principalmente é un diccionario electrónico para que os programas que procesan linguaxe sexan capaces de deducir o significado das frases e actuar en consecuencia”.

Comentarios