O filme de Coixet estréase na Berlinale

Dispárase a petición para que Netflix dispoñibilice 'Elisa e Marcela' en galego

Avante LGTB lanzou unha petición vía Internet para que Netflix dispoñibilizase o novo filme de Isabel Coixet dobrado ao galego.

elisa e marcela
photo_camera Fotograma do filme 'Elisa e Marcela', de Isabel Coixet. Imaxe: cedida.

A multinacional estadounidense Netflix produce a obra de Coixet que recrea a sorprendente historia de dúas mulleres cuxa relación amorosa se impuxo aos usos e leis da época, a inicios do século XX. A Xunta subvencionou o traballo. Así, Netflix “está obrigada a realizar unha dobraxe da mesma ao galego”, indican desde Avante LGTB, “mais non lle é requerida a distribución en galego na plataforma”.

“Lanzamos a nosa petición de que Netflix poña a disposición das usuarias da plataforma o filme dobrado ao galego”, explican. Activa na plataforma Change.org, achégase ás 2.000 sinaturas. Nas últimas horas os e as apoiantes medraron a gran velocidade.

Polémica


A estrea de Elisa e Marcela na Berlinale, un dos certames cinematográficos principais do mundo, foi polémica debido xustamente ás prácticas da empresa produtora. Netflix é sobre todo unha plataforma de contidos en streaming. A compañía asinou un acordo co festival segundo a que se proxectaría en salas de cinema, condición necesaria para concursar.

Mais Netflix só garantiu isto para o Estado español, non para Alemaña. A circunstancia provocou que 160 empresas de exhibición alemás esixiran a retirada do filme de Isabel Coixet do concurso.

Comentarios