luns 26/07/21
Análise

A diplomacia do galego gaña a batalla na Europa

O recurso aos organismos internacionais para lograr fóra do espazo estatal unha protección para o idioma que negan as institucións galegas e españolas vén de vello.
relator a mesa
Mónica Pazos, Elsa Quintas e Celia Armas, membros da directiva da Mesa pola Normalización Lingüística; Fernand de Varennes, relator da ONU, e Marcos Maceira, presidente da Mesa, nunha imaxe de arquivo

A loita pola igualdade de dereitos para a lingua galega líbrase tamén na esfera internacional. A este respecto, tense caracterizado pola súa eficacia a acción diplomática da Mesa pola Normalización Lingüística diante do Consello de Europa e da Organización das Nacións Unidas, que teñen impugnado a política idiomática do Executivo galego e do seu homólogo español. Neste sentido, o ditame do Consello de Europa de marzo de 2021, cuxas conclusións representan unha emenda á totalidade da acción gobernamental en relación coa lingua galega, é resultado dun traballo de anos.

O recurso aos organismos internacionais para lograr fóra do espazo estatal unha protección para o idioma que negan as institucións galegas e españolas vén de vello. Un primeiro precedente atópase en marzo de 1954, cando núcleos galeguistas do exilio e do interior fan chegar á VIII Conferencia Xeral da Unesco, decorrida en Montevideo (Uruguai), unha denuncia sobre a persecución do galego polas autoridades franquistas. Esta liña de actuación foi recuperada pola Mesa a partir de 2005, tras a adhesión, catro anos antes, do Goberno español á Carta europea de linguas rexionais e minorizadas.

As orixes da última resolución do Consello europeo sobre o galego remóntanse a 2019. Naquela altura, o organismo, após recibir un relatorio da  Mesa, procede a investigar a situación denunciada pola entidade en defensa da lingua e insta o Estado español a eliminar as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación, modificar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para permitir o uso do galego nos procedementos xudiciais e para garantir que este sexa lingua oficial na Administración do Estado na Galiza.

A acción concertada do Estado e da Xunta

Os gobernos galego e o estatal téñense empregado nesta ocasión con especial intensidade para que a resolución do Consello de Europa non teña saído adiante. Así, en febreiro de 2020, o Executivo de Sánchez, nunha acción concertada coa Xunta da Galiza, remitiu alegacións á proposta de resolución do organismo europeo, destacando que se pode “afirmar, pois, que non existen limitacións ao ensino do galego na Galiza, senón o seguimento dun sistema de ensino bilingüe que, por outra banda, avalan múltiples estudos científicos, así como os resultados obtidos”. Nesta ocasión, a Mesa pola Normalización Lingüística contou con dez días para elaborar un novo informe que contrarrestase a acción da diplomacia española.

A vitoria conseguida polo galego nas institucións europeas abre novos camiños para o idioma e carga de argumentos aqueles sectores da sociedade comprometidos coa restauración de novos usos para a lingua. Malia que se trata dun informe que afonda na liña doutros documentos anteriores, entre eles o asinado en 2019 polo relator especial do Consello de Dereitos Humanos da ONU, Fernand de Varennes -quen sinalou que "as e os galegofalantes non poden empregar a súa propia lingua coas autoridades públicas na Galiza, malia o aparente dereito a facelo”-, a resolución de marzo do Consello de Europa introduce como novidade que “o marco legal do galego non se axusta á Carta europea de linguas rexionais e minorizadas”, situando na ilegalidade internacional a lexislación lingüística do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo.

comentarios