De endexamais a xamais: os diferencialismos, na lección 11 do curso de galego

Reproducimos a seguir un extracto da lección 11 do curso de galego, sobre interferencias sintácticas, que Nós Diario publica hoxe. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos e publícase a diaro nas catro páxinas centrais do xornal impreso.

lección 11

Os diferencialismos

O que é un diferencialismo? Unha palabra que aos ollos das persoas galegofalantes se mostra como 'moi galega' por ser diferente do termo usual en español e que, por iso mesmo, coñece un uso case absoluto e exclusivo na nosa lingua. Cal é entón o problema? Podemos considerar que é duplo.

—Por unha parte, o abuso destas palabras empobrece a lingua, esclerosándoa. Non é infrecuente ouvirmos a pregunta se son correctas en galego palabras como finalizar, encontrar, ou cerrar, tal é a presenza abafante de rematar, atopar ou pechar. Co abuso destes diferencialismos estamos a facer un pobre favor á calidade da lingua de uso e mesmo estamos a trasladar a percepción de que a nosa lingua ten escasa capacidade expresiva.

—Por outra parte, moitas palabras diferentes do español tamén o son daquelas de uso común no portugués, que opta por termos que son absolutamente correctos en galego. Isto contribúe para agrandar de forma desnecesaria e artificiosa a percepción de diferenza entre as dúas variantes do noso sistema lingüístico. E aínda, o abuso de diferencialismos ten levado, en casos, a que o significado principal dalgunhas palabras vaia perdendo uso en favor doutros que se asocian, falsamente, como alternativa ao español. Tratemos, pois, de non abusar dos diferencialismos, empregando o amplo abano de posibilidades expresivas que a nosa lingua ofrece. Vexamos algúns casos.

Rematar

Semella que en galego só podemos REMATAR, mais tamén podemos TERMINAR, FINALIZAR, ACABAR, CONCLUÍR, FINDAR. Exemplos:

—Se acabares o traballo a tempo imos ao cinema
Concluíu a intervención cun 'Viva Galiza libre'
Terminaron as festas e todo volveu á normalidade
—Levan til todas as palabras agudas acabadas en vogal
Finalizou o traballo e partiu de vacacións
—É preciso acabarmos de présa o traballo, antes de que comece a chover.

Atopar Podemos ATOPAR ou TOPAR, mais tamén ENCONTRAR, DESCUBRIR ou mesmo ACHAR. Podemos, mesmo, DAR CON—. Exemplos:

Encontrei unha amiga na rúa.
—Se conseguires descubrir a solución ao problema, tornaraste famosa.
—Perdín as chaves e dei con elas despois de as procurar durante máis de unha hora.
Achamos un petróglifo e outros restos arqueolóxicos.

Na páxina seguinte tes a palabra que se utiliza para encontrar o resultado nuha operación matemática. Cal é?

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

Comentarios