O Dicionario da Academia Galega pechou 2019 con máis de 70.000 buscas diarias de media

dicionario ciberataque

O Dicionario da Real Academia Galega (RAG) superou en 2019 os 25,8 millóns de buscas, unha cifra que representa unha media de máis de 70.000 diarias. Con respecto a 2018, significa un incremento de 18,3 %.

Como en ocasións anteriores, entre as palabras máis buscadas aparecen diversos termos que constatan un uso do Dicionario non só para coñecer o significado das palabras senón tamén para resolver dúbidas ortográficas. É o caso de só, mais, botar, présa ou fóra nunha listaxe na que tamén aparecen outros termos como parotidite, porén ou asemade.

O Dicionario tamén medrou no número de entradas e achégase ás 60.000. O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega incorporou o ano pasado un total de 201 novos lemas e introduciu cambios en máis de 800, froito do traballo interno e do diálogo coa comunidade de usuarios e usuarias do Dicionario, que fan chegar as súas suxestións.

Deste xeito, nos últimos doce meses entraron no Dicionario termos relacionados co mundo do deporte como estaxe ou paralimpíada; de crecente uso nos discursos sobre a igualdade como feminización, visibilizar, sororidade ou nesgo; vinculados ao mundo dos negocios como franquiar ou márketing; vocábulos das artes e dos espectáculos como pano de boca ou ópera bufa; termos relacionados coas tecnoloxías da información e da comunicación como libro electrónico, memoria tobo ou podcast; e outros como apósito adhesivo, cotiandade, composteiro ou meme.

Comentarios