O Dicionario en liña da Academia Galega tivo 22 millóns de consultas en 2018

Tremelucir, rebolo, asemade testemuña son unha pequena mostra das cen palabras máis buscadas, nunha listaxe encabezada por só, máis, botar, présa e ir.

apoderamento femnino
real academia galega
rag

O Dicionario da Real Academia Galega volveu medrar en 2018 con máis consultas e novas palabras. Rexistrou 21.842.744 buscas en liña que representan unha media de case 60.000 diarias. Aumentou 6,5% a respecto do 2017. O número de persoas usuarias tamén aumentou en 2018 ata se achegar aos 1,1 millóns.

O Dicionario en liña está dispoñible a través da web da Real Academia Galega  e do Portal das Palabras, o proxecto de divulgación do léxico da nosa lingua que a institución comparte coa Fundación Barrié. Ás perto de 21,9 millóns de buscas rexistradas desde ambas as dúas páxinas, hai que engadir o uso realizado a través das aplicacións para dispositivos móbiles para iOS e Android. As visualizacións mediante esta vía de acceso tamén medraron ata situarse por riba das 2.270.500.

Tremelucir, rebolo, asemade e testemuña son unha pequena mostra das cen palabras máis buscadas, nunha listaxe encabezada por só, máis, botar, présa e ir. Estas últimas dan conta de que as persoas usuarias utilizan o Dicionario tamén para resolveren dúbidas ortográficas ou consultaren a conxugación dos verbos, unha das utilidades que o Dicionario ofrece.

En total, no ano que rematou incorporáronse 429 novas palabras, ata chegar ás máis de 57.000 entradas. Melloráronse ademais unhas 3.350, na maioría dos casos introducindo pequenos cambios como a inclusión de sinónimos, pero en 311 acordouse incorporar novas acepcións e fraseoloxía ou incluso a modificación da definición.


Parte das novas palabras reflicten o obxectivo de ir progresivamente incorporando o vocabulario relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación. Ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade ou ciberdelincuencia, conectividade e xestor –a de comunidade figuran así entre as palabras que pasaron a formar parte do Dicionario xunto a outras que visibilizan a diversidade, como gai/gay e transxénero.

Aporofobia, matrilinear, vegano, xihadismo ou xonqui tamén teñen xa entrada propia xunto a outros termos populares da nosa fala como fochiña, viravento e charetar, ou solucións como cadeiriña de paseo e arrombacoches.

A RAG salienta tamén as cento sesenta e oito novas voces ou actualizadas do mundo das matemáticas que foron revisadas coa colaboración dun equipo de persoas expertas nesta disciplina.

Comentarios