Carballo acolle o 7 de febreiro o Día dos Medios en galego

A data conmemora a saída da primeira publicación xornalística integramente en galego, ‘O Tío Marcos d’A Portela’, en 1876.

Alguns representantes dos membros da AMEGA na Gala do Dia dos Medios en Galego
photo_camera Alguns representantes dos membros da Amega nunha edición anterior da Gala do Dia dos Medios en Galego

A Asociación de Medios en Galego (Amega) fixaba en xaneiro de 2018 a data de 7 de febreiro como o Dia dos Medios en Galego,  “unha boa ocasión para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”. A data procuraba homenaxear  ‘O Tío Marcos d'a Portela’, nado en febreiro de 1876. A histórica publicación foi a primeira escrita integramente en galego. Subtitulada “Parrafeos co pobo galego” e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo.

En febreiro dese mesmo ano, 2018, O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, deu lectura a unha declaración institucional co gallo do 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego, convidando a sociedade galega a “apoiar esta reivindicación”.

Este ano a data de 7 de febreiro celebrarase en Carballo cun acto “ para visibilizar a importancia e a necesidade de que os medios comuniquen na nosa lingua e darlle luz aos máis de 100 medios que hai en activo (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) contando, en galego, o que pasa no noso país”.

A cita será a partir das 20:30h no Casino1889, unha entidade cultural centenaria, “rexurdida pola mocidade carballesa neste último lustro”. O acto será presentado pola regueifeira Lupe Blanco, contará coa presenza de Avelino González, e estarán presentes representantes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo, colaboradores do evento.

A actuación de Terbutalina porá o ramo.

Comentarios