Dez puntos negros para a normalización lingüística

O proceso de normalización lingüística é un mapa de enmarañadas estradas peneiradas de puntos negros que fan máis difícil a circulación. Digamos que a perigosidade está case por toda parte mais son nesas localizacións onde se torna máis visíbel. Á Mesa pola Normalización Lingüística chegan cada día queixas que mostran o difícil que aínda é querer vivir en galego e Paulo Filgueiras é quen as recibe e tramita. Con el tratamos de detectar os puntos negros que fan máis difícil normalizar a nosa lingua. 

Militares e topónimos, dous puntos negros para a normalización
photo_camera Militares e topónimos, dous puntos negros para a normalización

1.- A ESCOLA. As dificultades das familias para escolarizar a nenas e nenos en galego é un dos temas que máis preguntas promove. Paulo Filgueiras detecta con claridade a grande preocupación por atopar un centro educativo no que desenvolver os primeiros anos en galego nas cidades e tamén o gran de número de queixas de centros no que non se está a impartir nada en galego. 

2.- O SERGAS. O caso do paciente ao que lle retrasaron a operación por solicitar a documentación en galego foi o de maior repercusión mais segue a ser moi difícil a relación na nosa lingua cos servizos sanitarios. Poñemos por caso, unha persoa denunciou que lle colgaran o teléfono cando pedira unha cita para o Chuvi por solicitar que a atendesen en galego. Cando un paciente de Ferrol reclamou atención na nosa lingua recibiu unha resposta en tal ton que decidiu poñer unha “queixa lingüística”. A resposta do centro médico foi “agradecemos a suxestión e traballaremos para mellorar”. 

3.- A DEPUTACIÓN DA CORUÑA.O Valedor do Pobo aceptou a trámite tres queixas presentadas pola Mesa pola excusión do galego nas campañas da Deputación sobre aforro de auga ou exclusión ademais da sinalización pública das estradas. Un dos casos que se fixo público foi as presións do ente provincial a un funcionario para que non use o galego no seu traballo. A denuncia tamén está admitida polo Valedor. A Deputación é das entidades nas que se percibe un maior deterioro. 

"Un asesor xurídico pode impedir que se fale galego no seu despacho? No concello de Muros, pode". 

4.- CONCELLO DA CORUÑA. Sumar todos os atrancos que o Concello da Coruña pon ao proceso de normalización e os incumprimentos de leis e normas desde a aprobación da Lei de Normalización daría para un volume enciclopédico. Despois da longa etapa de Paco Vázquez á fronte, o alcalde Carlos Negreira preséntase como bo herdeiro. A exclusión das campañas do Concello, na comunicación coa cidadanía ou as queixas por non ter documentación administrativa en galego son algúns dos exemplos do catálogo de incumprimentos que se incrementaron nos últimos tempos. Acompañan ao da Coruña outras entidades locais como A Guarda ou Sada que, pomos por caso, tamén excluíron neste verán o galego dos seus programas de festas e incumpren a Lei de Administración Local ao respecto do uso do galego como lingua oficial. 

5.- CONSELLARÍA DE TRABALLO E BENESTAR. A Xunta adoitaba cumprir a normativa á hora do uso da lingua nos seus espazos públicos, na web en especial. Pois a Consellaría de Traballo e Benestar conseguiu poñer aínda máis difíciles ás cousas para a normalización da nosa lingua e está a excluíla de convocatorias na rede nas que a documentación aparece só en español. O Valedor ten na súa mesa unha queixa polo comportamento lingüístico do departamento. 

6.-A TOPONIMIA.  Se hai un artigo no que a Lei de Normalización é taxativa é no uso dos topónimos na nosa lingua ao establecer que a forma oficial é a galega. Á lei acompáñana unha grande xurisprudencia do Tribunal Superior, Supremo e Constitucional, nacida da histórica teima de Francisco Vázquez para impoñer un nome inexistente para a cidade da Coruña. Pois nin con esas. O uso dos topónimos deturpados é un dos grandes cabalos de batalla da normalización e á Mesa chegan queixas cada pouco. De Iberdrola e Ikea son as máis recentes. Mais non só de entidades privadas. Renfe volvía recentemente a empregar “La Coruña” como destino dos seus trens non só por escrito senón tamén na locución interior. As entradas do Museo Militar da Coruña continúan a empregar o topónimo deturpado.  

7.-O EXÉRCITO.  E o Museo Militar non é o único espazo no que o exército mostra a oposición ao emprego do galego. A Xunta asinou este verán un convenio cos militares para a extinción de lumes nos que expresamente se vetaba a lingua galega. “Trátase dun caso grave e ilegal que incumpre non só a Lei de Normalización senón tamén a de Transparencia das Administracións Públicas que sinala que a empresas concesionarias teñen que garantir a atención en galego aos cidadáns”, sinala Paulo Filgueiras. 

"O Sergas emprega programas informáticos que fan imposíbel o uso do galego"

8.- CONCELLO DE MUROS. Un asesor xurídico pode impedir que se fale galego no seu despacho? No concello de Muros, pode. Foi denunciado por uns veciños -aos que el denunciou a posteriori e  hai mesmo probas testificais de que aconteceu como un vídeo no que o funcionario reclamaba que non se empregase a nosa lingua en dependencias municipais. A reacción do concello foi aprobar unha moción contra a ordenanza municipal de uso do galego. A moción non ten rango para se impoñer nin á ordenanza nin ás leis mais deixou á vista un caso extremo de persecución da lingua galega aínda existente.  

9.- A XUSTIZA. Conseguir que a documentación da administración de Xustiza flúa en galego é un dereito, mais compre entereza para non fraquear. Desde negativas dunha secretaría xudicial que se negaba a dar o testemuño da sentenza de divorcio en galego ou a teimosía dunha funcionaria que sostiña que se podía utilizar a nosa lingua mais non había obriga de dar a documentación do xuízo en galego. Se a xustiza é lenta, co galego tórnase aínda máis. 

10.- NOVAS TECNOLOXÍAS. Ás veces os sistemas informáticos son argumento para introducir o español sen maiores atrancos. Acontece tamén no Sergas onde o persoal laboral atópase con programas que impiden o desenvolvemento do seu traballo en galego. Por non falar das ocasións nas que nas redes sociais os topónimos aparecen “por oficio” deturpados. E flúen con grandes dificultades para facer caer sobre eles o peso da lei. 

Comentarios