Devecendo por 7.000 sinaturas a prol do dereito a chiarmos en galego

Segue a campaña on-line pola recollida de sinaturas para que traduzan o Twitter á nosa lingua. En seis horas xuntáronse 400 nomes e van agora camiño dos 900, mais o obxectivo son as máis de 7.000 que conseguiu Catalunya

Unha investigación realizado en 2009 por Web Ecology Project sobre as linguas que se usan no Twitter que se deu a coñecer a finais do ano pasado demostra que, dos máis de 6.000 idiomas que existen no mundo, o galego ocupa o posto 36 --é a terceira lingua máis usada do estado español--.

Porén, o noso segue a ser o único idioma oficial do estado que fica excluido das traducións desta rede social, malia as campañas emprendidas a prol de conquerir que o paxaro chíe en galego. Tomando no mesmo estudo os datos de 2009, o galego colocábase tamén por diante do catalán, e era a 21ª lingua máis usada a nivel internacional, converténdose na primeira lingua non oficial dun estado que aparece na listaxe.

A última delas arrincou nos últimos días a través da web Change.org a rebufo da iniciativa que en Catalunya puxo en marcha o xornalista Albert Cuesta, reclamando que Twitter se abrise a linguas como a catalana. A rede social fala catalán e euskera desde o 6 de xullo, e foron máis de 7.300 as persoas que reclamaron, coa súa sinatura, a tradución ao seu idioma. Nas primeiras 6 horas de vida, a petición de tradución ao galego dunha das arañeiras virtuais máis grandes a nivel internacional xuntou 400 nomes, e vai agora camiño dos 900, co ollar posto nos máis de 7.000 que conseguiu Catalunya.

Comentarios