Como afecta a deslocalización de servizos ao galego?

Naturgy traslada 80% dos seus labores a Colombia
telemarketing

Este mes de setembro a compañía Naturgy deslocalizou o seu servizo de atención telefónica, ao cargo da empresa Teleperformance, desprazando máis de 80% dos labores deste sector da Galiza a Colombia.

Ademais das consecuencias económicas que este proceso poida ocasionar, como a perda de postos de traballo, que no caso de Naturgy chegou até 100 na Galiza, tamén provoca unha perda de calidade nos servizos ofrecidos, como o abandono do uso das linguas cooficias, denuncian desde a Mesa pola Normalización Lingüística

Discriminación do galego

“Hai empresas que deciden levar certos servizos, como a atención de chamadas, a outros territorios do Estado ou mesmo a países de Latinoamérica, entre outros, onde hai peores condicións laborais”, explica Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, a Nós Diario. “Como a oferta de galego non é obrigatoria para elas, deslocalizan e aténdennos desde outros lugares”.

Pola súa parte, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, explica a Nós Diario que “se as empresas deciden prestar os seus servizos desde un ou outro lugar non é materia da nosa competencia, mais deben garantir os dereitos lingüísticos” da poboación do país. 

Maceira argumenta que, se ben “temos o dereito de ser atendidas en galego, na práctica non se respecta”. Isto sucede porque “a lexislación resulta difusa polo que permite que as empresas non ofrezan os seus servizos na nosa lingua, mesmo estando localizadas no país”.

“Temos o dereito de ser atendidas en galego, na práctica non se respecta” 

Ademais sinala que durante a pandemia chegou documentación interna dalgún servizo á Mesa na que se demostraba que as propias persoas traballadoras “non teñen a posibilidade de usar o galego”. Segundo explica Maceira, en moitas ocasións “as persoas traballadoras vense na obriga de ler un guión durante as atencións telefónicas e, se está en castelán, a pesar de que os clientes e clientas demanden o uso do galego, o persoal non pode traducir libremente ese determinado guión”.

Actitudes agresivas

Valentín García sinala que “normalmente todos os incidentes se solucionan” e afirma que “non detectamos casos dun rexeitamento radical polo emprego da lingua”. Pola contra, o presidente da Mesa sostén que a falta de comprensión por parte do persoal que ofrece un servizo desde fóra da Galiza non é o único problema pois tamén mostra unha actitude negativa cara ás persoas usuarias que empregan o galego.

“Chegan a darse insultos aos usuarios polo feito de falar en galego e con comentarios mesmo de tipo político”, indica, “parece que existe unha persecución ideolóxica telefónica, como se o cliente que fala en galego non tivese razón nunca”.

“Chegan a darse insultos aos usuarios polo feito de falar en galego e con comentarios mesmo de tipo político”

Estas discriminacións tamén suceden en situacións de certa gravidade, como un accidente de tráfico, pois, como explica Maceira, “coñecemos o caso dunha persoa que” tras un incidente na vía “chamou á súa aseguradora e dixéronlle que se non falaba en castelán non a atenderían”. 

Por estas razóns, Maceira recomenda realizar unha queixa formal á Mesa, explicando o momento no que a empresa se nega a prestar unha atención en galego, así como un breve resumo da conversa mantida. García engade que o servizo de Política Lingüística tamén atende estas reclamacións. “Cómpre reclamar o galego para que se vexa que existe unha demanda”, concluíu Maceira.

Comentarios