Primeiros pasos cara ao recoñecemento oficial da lingua de signos galega

A Deputación pontevedresa financia un traballo realizado pola Organización de Discapacidade Sensorial da Galiza con 30.000 euros

O departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra vén de presentar o acordo de colaboración coa Organización de Discapacidade Sensorial da Galiza (Xoga) para realizar un traballo de investigación que poida recoñecer a lingua de signos galega como unha forma de comunicación oficial do colectivo con diversidade sensorial do país.

Na rolda de prensa, a deputada de Lingua, María Ortega destacaba que “no territorio estatal, no ano 2007, recoñecéronse como oficiais as linguas de signos castelá e catalá e isto non aconteceu coa galega pola situación social do momento o que fixo que a comunidade con diversidade sensorial se adaptase a lingua castelá”. Resaltando que “esta comunidade ten os mesmos dereitos lingüísticos que todas as galegas, creemos que é urxente e necesario recoñecelos e traballar en prol por iso”.

Hai  54.000 persoas con diversidade sensorial de toda Galiza

Por iso, a Deputación pontevedresa financia con 30.000 euros o traballo de investigación para que se poida recoñecer o galego como lingua oficial de signos. “Mais entendemos que isto que comeza neste departamento debería ser algo que tamén se traslade ao departamento de Política Lingüística da Xunta”, apuntaba Ortega.

Pola súa banda, a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, destacou o “gran paso” que significa este proxecto. “Este primeiro acordo permitirá estabelecer un primeiro estado de cuestión e avanzar na planificación dos múltiples e variados traballos que quedan por facer”, indicaba a presidenta.

Desde mediados de xaneiro levan traballando neste proxecto e “agardamos que a finais de 2021 contemos co primeiro informe prospectivo para o recoñecemento da lingua de signos galega”, sinalaba Monterde.

Segundo expresou a presidenta, os “potenciais beneficiarios deste recoñecemento serán 54.000 persoas con diversidade sensorial de toda Galiza, segundo as estatísticas de Política Social de  2021, pero son moitísimas máis porque non todas teñen o certificado de discapacidade e que a utilizarán outras persoas que teñen outras diversidades e que non utilizan a comunicación verbal”.

Comentarios