sábado 06/03/21

A Deputación impulsa a promoción do galego entre a xente nova a través do seu apoio ao Correlingua

O ente provincial financia con 20.000 euros a iniciativa "Vinte coa Lingua”.

Correlingua 2018 pola normalización lingüística da mocidade e a infancia na cidade de Vigo.
Imaxe de arquivo dunha edición anterior do Correlingua

A Deputación da Coruña busca incentivar o uso do galego e a súa normalización como medio de comunicación entre a xente nova a través do seu apoio ao Correlingua "Vinte coa Lingua".

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o presidente da Asociación Cultural Correlingua, Xosé Anxo Teherán, e a deputada de Igualdade e Normalización Lingüística, María Muíño, asinaron esta segunda feira, 8 de febreiro, o acordo polo que o ente provincial compromete unha achega de 20.000 euros para o desenvolvemento do proxecto.

O convenio de colaboración permite financiar concursos escolares;un certame musical; festas do Correlingua en liña nos concellos da Coruña, Narón, Rianxo e Zas; ou dúas unidades didácticas nas aulas, entre outras actividades. Todas estas accións teñen como finalidade propiciar o debate sobre o uso da lingua galega dunha forma lúdica e educativa, impulsando o seu uso entre as persoas novas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou na sinatura do acordo "o compromiso desta institución coa promoción da lingua ". Pola súa banda, a deputada de Igualdade e Normalización Lingüística, María Muíño, incidiu na "preocupante situación na que se atopa o galego na infancia e mocidade, cun uso moi diminuído, por iso é moi necesario que defendamos o idioma propio e animemos ás novas xeracións a falalo no seu día a día a través de iniciativas como esta".

comentarios