A Deputación da Coruña destina máis de medio millón de euros aos servizos de normalización lingüística municipais

A área de Normalización Lingüística contribúe á promoción do galego con persoal técnico especializado en 46 concellos.

Maria Muiño deputacion coruña
photo_camera Maria Muiño

Un total de 46 concellos contarán con persoal técnico especializado para a promoción do galego a través da liña de axudas da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

Nesta edición, o departamento que dirixe a deputada María Muíño destina un total de 515.000 euros para financiar os servizos municipais.

A área de Normalización Lingüística da Deputación da informa que case a totalidade das solicitudes recibirán 15.000 euros para a creación e mantemento dos servizos de normalización lingüística municipais nunha convocatoria “que busca intensificar e profesionalizar o traballo desenvolvido polos concellos co fin de incrementar o uso e prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos e sectores dos municipios”.

"A través desta convocatoria queremos contribuír á profesionalizar e apoiar o traballo que desenvolven os servizos de normalización lingüística dos concellos, as institucións que están máis cerca da veciñanza, que é fundamental para avanzar no uso da nosa lingua", sinala a deputada responsábel da área de Normalización Lingüística, María Muíño.

Entre as funcións xerais e de dinamización dos servizos están asesorar a administración en materia de política lingüística, velar polo cumprimento da lexislación, fomentar o uso do galego na sociedade; planificar, xestionar, executar e avaliar accións favor da lingua, propoñer programas dinamizadores ou coordinar redes de traballo para o fomento da nosa lingua.

O servizos teñen tamén funcións de formación entre as que se atopan planificación, coordinación e realización de cursos, a difusión de materiais para promover o uso do galego ou a colaboración no deseño de programas de formación a favor do galego. Os obxectivos inclúen, ademais, contribuír á mellora da calidade lingüística e comunicativa da administración ou resolver dúbidas.

Ao longo do ano, e en colaboración cos propios servizos municipais, a Deputación da Coruña desenvolve outras accións para a normalización do uso da lingua como o programa "Malas Linguas" no que participou de maneira especial persoal técnico ou "O galego, a miña lingua propia", que se dirixiu de maneira especial á xente máis nova que mereceu unha mención especial nos Premios Mil Primaveras da Coordenadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística deste ano.

Comentarios