A Deputación da Coruña anima máis de 3.300 mozos e mozas a usar a lingua propia de Galiza

A campaña desenvolveuse en 70 centros de ensino da provincia

O GALEGO A MIÑA LINGUA DEPUTACIÓN CORUÑA

Un total de 3.392 estudantes de 70 centros de ensino participaron  nas 91 sesións do programa "O galego a miña lingua propia" da Deputación da Coruña, que animou a usar o idioma a mozos e mozas de centros públicos de 43 concellos.

A campaña baseábase nunha proposta de actividades encamiñada a eliminar prexuízos contra o galego e defendelo como lingua de prestixio. Con actividades de interese para a xente moza como é o audiovisual,  a música ou o graffiti. 

"Reforzar o galego como lingua propia, con valor e prestixio, foi o obxectivo deste programa que tivo uns estupendos resultados, sinala Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación.

A valoración das comunidades escolares dos centros de ensino foi moi positiva, en especial, en canto á conexión das rapazas e rapaces cos contidos do programa.

Na campaña participaron representantes de distintos ámbitos como o deporte, a literatura ou a música que son referentes para a mocidade e mostraron na súa traxectoria compromiso coa lingua galega. As poetas Antía Otero e Rosalía Fernández Rial, as contadoras Paula Carballeira e Aldaolado; representantes do mundo da música como Xurxo Souto, MJ Pérez, García MC, Davide Salvado, Monoulious Dop; ademais de Irene Lourido, Fran Cañotas e María Yáñez do eido xornalístico formaron parte do cadro de colaboracións de "O galego a miña lingua propia".

Ademais, o audiovisual estivo representado por profesionais como Lois Blanco, Jaione Camborda, ou a compañía Gaita Films, as artes plásticas por Leandro Lamas, o mundo da moda e a ilustración por Cestola na Cachola e Laura Romero, o graffiti por Sokram e Mou e o ámbito sanitario por Iria Veiga.

Comentarios