Discriminación lingüística no Sergas

"Avisei semanas antes de dar a luz que non ía asinar un consentimento que non fose en galego"

É relativamente habitual que a información que o Servizo Galego de Saúde ofrece ao doente estea "por defecto" en castelán, unha realidade constatábel en boa parte dos centros médicos do país. Mais tamén é certo que é un dereito básico da cidadanía recibir esas comunicacións en galego se así o solicita. E a propaganda do Sergas a este respecto dá a entender á opinión pública que non existe impedimento de ningún tipo para que así sexa. 

informeconsentementoinformado--1024x768
photo_camera Informe no que consta a solicitude da paciente

Porén, a realidade é ben distinta, como proba, por exemplo, o feito de que a Liña do Galego impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística recibira ao longo do ano pasado o 12% das queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos co Sergas como protagonista. 

O último capítulo do desleixo do Sergas polo idioma -cando menos coñecido, pois segundo a propia Mesa só unha pequena parte das queixas chegan a facerse públicas- ten como afectada unha muller embarazada que hai uns días solicitou o consentimento informado en galego para unha analxesia epidural no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. "Eu xa tiña experiencia neste tipo de cousas, así que fun precavida e avisei semanas antes de que non ía asinar un consentimento que non fose en galego", narra en declaracións a Sermos Galiza.

Esta advertencia motivou a resposta do Sergas, que asegurou que sempre están dispoñíbeis e, no caso de non o estar, débese fundamentalmente a unha cuestión técnica relacionada coa actualización dos formularios. Este problema, ao parecer, non acontece co castelán. "O caso é que cando chego á consulta, a anestesista dime que non ten constancia da existencia dese tipo de documento", relata a afectada. "Na intranet do Sergas non os había tampouco, malia que teño por escrito a resposta na que se me asegura o contrario", indica. 

Sen documentos en portugués

A mesma situación repetiuse posteriormente cando a muller ingresa para lle induciren o parto. "Só o hai en castelán, e logo de buscar tamén o atopan en polaco, árabe ou portugués; eu como mal menor, pido este último mais ao día seguinte dinme que tampouco está dispoñíbel". 

A persoa afectada considera que para o Servizo Galego de Saúde "non é importante a cuestión do idioma, cando se trata dun dereito, e aprovéitase de que a urxencia e a situación de vulnerabilidade na que se atopa a persoa que espera por unha atención médica ou unha operación disuádena de esixir o cumprimento dese dereito, que é ser atendida no propio idioma". 

Comentarios