8F / POLAS FILLAS DOS NOSOS FILLOS

"Debemos darlle normalidade e presenza ao galego entre todos"

Desde o Concello de Riós, en Ourense, Sara foi unha das máis de 25 mil persoas que encheron a Quintana en defensa da lingua galega. 

DSC_0053
photo_camera [Imaxe OR]

Sara chegou a Compostela desde Riós, en Ourense. Desprazouse xunto coa súa familia para facer parte da manifestación de Queremos Galego cun obxectivo. Defender a lingua na que a educaron "para que os meus fillos a poidan falar", asegurou en conversa con Sermos Galiza mentres camiñaba polas rúas da capital galega. 

Porque estás hoxe en Compostela?
Bon. Creo que debemos estar aquí. Son nova e entre a xente da miña idade vexo o declive no que se atopa o galego. Entre a mocidade. Quero loitar para poder educar os meus fillos na lingua que me educaron a min meus avós e meus pais. Para que poidan falala. 

Como ves a situación da lingua?
Moi mal. Na sociedade en xeral véxoa en pleno declive. Por iso estou aquí, para que perviva a miña lingua. 

Como valoras a política lingüística da Xunta?
[Ri] Se estamos aquí, ben non a vou valorar...

"Quero loitar para poder educar os meus fillos na lingua que me educaron a min"

Dicías que queres educar as túas crianzas en galego, como ves a realidade lingüística no ensino?
Non está ben. Polo que vexo entre as persoas da miña idade, a mocidade, non o fala. Hai a quen lle custa máis que falar en castelán. 

Como mudar esta realidade?
Entre todos deberiamos darlle forza e normalidade para que teña presenza en todos os ámbitos da sociedade. 

E os medios de comunicación?
Tamén deberían facer o seu labor empregando o galego. 

Coidas que haberá máis manifestacións coma esta nos vindeiros anos?
Coido que si e, ademais, entendo que debe habelas. Cando menos eu, aquí estarei cando iso aconteza. 

Comentarios