"A das sms ou das redes sociais non é lingua de mala calidade; só está adaptada a un contexto tecnolóxico''

Con Estefanía Mosquera Castro debullamos a unidade didáctica que propón o emprego do código lingüístico das sms ou dos whatsapp para enriquecer as aulas de lingua e literatura.

photo_camera [Imaxe: SG]


Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS. É o título do volume en que a investigadora da Universidade da Coruña Estefanía Mosquera Castro explora as posibilidades dos novos códigos lingüísticos que nacen da man das novas tecnoloxías da información e da comunicación.

A expresividade e a identificación co alumnado son os segredos para que estas novas formas de expresión axuden nas aulas de lingua, xogando a rachar cos xéneros, xogando até coa ironía. 

O volume, que quedou finalista no premio internacional Educared no ano 2011, preséntase no Festigal o 25 de Xullo ás 16h, e está á venda na loxa de Sermos Galiza.

O que propón é empregar os novos códigos lingüísticos para o ensino das linguas?

Si, sería algo así. Utilizar os novos códigos que atopamos nas redes sociais ou nas mensaxes de móbil, por exemplo, para que o alumnado vexa que o que aprende ten moita relación co que fai fóra da aula. Aliás, trataríase tamén de estudar estas novas formas de comunicación como os chats ou os correos electrónicos, igual que antes se estudan as cartas ou os telegramas. 

Porén, non é certo que a linguaxe que empregamos nas sms ten un efecto nas nosas competencias lingüísticas, favorecendo unha escrita máis pobre?

Non. Esa é unha percepción moi espallada, mais non é real. Na experiencia que nós tivemos, ao poñer en práctica os contidos desta unidade didáctica nun centro escolar, foi que o dominio dos novos códigos lingüísticos favorecidos polas TIC [tecnoloxías da información e da comunicación] non suscitaba ningún tipo de problema en relación ás competencias lingüísticas do alumnado.

É dicir, hai quen escribe con faltas de ortografía ou non coloca os acentos gráficos, mais esa tendencia non ten nada a ver coa linguaxe sms. De feito, eu non creo que a das sms ou a das redes sociais sexa unha lingua mala ou de menor calidade; só está adaptada ao contexto tecnolóxico. 

Hai novelas que incorporan as sms como elemento dentro do relato. Agora mesmo vénseme á cabeza O coitelo de novembro, de Marilar Aleixandre. Coñece algunha que estea escrita integramente en linguaxe sms? 

Si, este novo código aparece como soporte na trama argumental da novela do mesmo xeito que noutras se incluíron fragmentos de cartas. Na literatura anglófona e tamén aquí, en 2010, si que houbo un concurso de mensaxes de Nadal que debían estar redactadas como sms.

"Do que se trata é de que o alumnado vexa como o que aprende na aula sobre lingua é o mesmo que practica fóra dela"

Esperta entón a nosa creatividade?

Si, permite opcións moi creativas. Hai tamén un escritor finlandés que redactou toda a súa novela coa linguaxe das sms [The last messages, de Hannu Luntiala] porque o contido do relato propiciaba o uso deste tipo de código.

O argumento trata sobre un executivo das TIC quen renuncia ao seu traballo e se dedica a viaxar por varios países de Europa e da India mantendo o contacto cos achegados mediante mensaxes curtas de móbil. É moi atractiva para o leitor porque deixa ocos en branco que deben ser enchidos por el. 

E non se perde nesa linguaxe a expresividade da comunicación oral?

De feito, boa parte das características das sms son precisamente para emular a linguaxe oral. Os emoticonos son un bo exemplo, ou o uso excesivo de signos de admiración ou dos maiúsculos para enfatizar o que estamos a dicir. Eu usei as sms como exemplo porque foi o primeiro código, mais as características son as mesmas para a linguaxe de Facebook, por exemplo, pola rapidez e a inmediatez. 

Dixo antes que esta nova linguaxe nos facía máis creativ@s. Fainos tamén máis atrevid@s?

Tamén! Facilita moito a expresión de sentimentos que á cara non nos atrevemos a dicir. Linlle nunha entrevista esta fin de semana ao profesor Manuel Gago que por whatsapp é máis doado dicir 'Quérote'. É iso mesmo. 

A unidade didáctica foi posta a proba nun centro de ensino na Galiza. Cal foi o resultado?

Tivo moi boa acollida. Fixemos unha proba a través de textos poéticos. O alumnado tiña que os 'transcribir' a linguaxe sms e mandalos a un compañeiro da aula, coma se fose o xogo do amigo invisíbel. Gostaron moito.

E o profesorado?

Era un algo excéptico e tiña certas reticencias, as mesmas das que falamos antes e que afectan á populación en xeral. Porén, cando foron vendo como as abreviaturas están presentes xa nos primeiros textos escritos e que non é en realidade nada novidoso, que as mensaxes tan apocalípticas non son reais, entón gozaron tamén e comprometéronse a seguir empregando este novo código en leccións puntuais, cando o contido se adapte a eles. Do que se trata é de que o alumnado vexa como o que aprende na aula sobre lingua é o mesmo que practica fóra dela. 

Comentarios