venres 24/09/21
Darío Eyré, xornalista gañador de 'A voz do celtismo'

Darío Eyré: "É un sopro de aire fresco para a comunicación deportiva que se pule por normalizar o galego"

Darío Eyré é un xornalista de Chantada que este verán gañou un concurso do Real Club Celta de Vigo chamado A voz do celtismo. Isto permitiulle narrar algúns partidos de pretempada do equipo vigués para a súa canle oficial. Darío Eyré destaca o bo trato das traballadoras de comunicación do Celta, ao tempo que valoriza a “concienciación” do club galego tras o auxe nas redes da campaña #FainoEnGalego, que instaba os clubs deportivos da Galiza a empregaren e fomentaren o uso e a normalización da lingua galega.  
Darío puido xuntar dúas das súas paixóns o xornalismo e o Celta. (Foto: Nós Diario) #celta #galego #concurso #deportes #daríoeyré
Darío puido xuntar dúas das súas paixóns o xornalismo e o Celta. (Foto: Nós Diario)

-Podería explicar cales foron as súas vivencias durante o transcurso do concurso?

O concurso A voz do celtismo formaba parte dunha campaña de comunicación do Celta, e buscaba dar a oportunidade aos seareiros de poder narrar os partidos amigábeis do equipo durante o verán. Na primeira fase do concurso fixeron unha proba de selección telemática para a que había que enviar unha narración dun gol de Iago Aspas ao Huesca en 2018. A partir desa primeira proba escolleron seis finalistas. Fíxose outra proba na sede do Celta en Vigo, na que participou como xurado o xornalista Raúl Varela, de Marca; as futbolistas Vero Boquete e Santi Cañizares; e ‘Gonzo’, de La Sexta. A proba consistiu en que nos puxeron o vídeo da mesma xogada para que a narrásemos sen que puidésemos ver como a narraban as outras finalistas.

-Explicáronlle as integrantes do xurado por que foi vostede un dos dous gañadores? Cal pensa que foi o factor diferencial?

Antes do resultado, recordo estar nunha burbulla de nervios. As outras finalistas tiñan un nivel moi alto, e de verdade que me sorprendeu gañar. Recordo que tanto Vero Boquete como ‘Gonzo’ mencionaron o feito de que empregara o galego para narrar a xogada, aínda que non fose algo diferencial. Si que destacaron que fun o único que empregou a nosa lingua, pero non foi iso o que fixo gañar. No que puxeron bastante o foco foi en que tamén fun o único que conseguiu identificar todos os xogadores que aparecían no vídeo desde o primeiro segundo. Iso si que tivo certa importancia na escolla.

-Cantos partidos do Celta puido narrar nestas semanas?

Nun principio o Celta ía xogar tres partidos: contra o San Luqueño andaluz, o Bayer Leverkusen alemán e o Wolverhampton inglés. Finalmente, o do Bayer tivo que ser suspendido polas restricións que se aplicaron na Alemaña, e cambiouse por outros dous partidos, un contra un equipo chipriota, e o outro contra o Gil Vicente portugués. Eu narrei tres dos catro partidos que o equipo disputou porque xusto o día anterior ao partido contra o San Luqueño sufrín unha indisposición e non puiden saír da casa para ir ás instalacións do Celta. Para o resto, tiven a sorte de desprazarme á nova cidade deportiva do equipo, que era onde tiñamos disposto o plató, nunhas dependencias de Celta Media.

-De todo o que viviu durante este mes, con que quedaría como experiencia chave?

Podería quedarme con moitísimos momentos, por toda a ilusión que sentín durante todo o tempo, mais penso que co primeiro que me quedaría é coa familiaridade que tivo connosco en todo momento o persoal de Celta Media. Foi algo marabilloso, porque tanto Fernando, o outro gañador, coma min, chegamos os primeiros días moi nerviosos, e a verdade é que todas as traballadoras do Celta coas que tivemos que falar nos axudaron con todas as dúbidas que tiñamos. Para min iso é o máis destacábel. 

-A comezos de verán xurdiu a campaña #FainoEnGalego, que pedía que os clubs deportivos da Galiza empregasen con maior asiduidade o galego. 

É moi importante que se fagan campañas así. Paréceme un sopro de aire fresco para a comunicación deportiva que se pule por normalizar o galego en ámbitos non tan relacionados coa lingua tradicionalmente. Nestas semanas, traballando coa xente do Celta, notei unha concienciación que ademais coincidiu cun cambio de actitude na comunicación do equipo en redes, á hora de empregar máis o galego. Penso que ese cambio é mérito de #FainoEnGalego, que tamén conseguiu o mesmo noutros moitos clubs deportivos do país.

Darío Eyré: "É un sopro de aire fresco para a comunicación deportiva que se pule por...
comentarios