Cebolear.- Facer algo rapidamente, sen poñer moito interese no seu remate.
Exemplo: “ “Non ten ganas de facer boa letra, sempre cebolea cando escrebe”.
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.
Estrelouzar.- Facer ruído cos dentes ao roer unha cousa dura.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.
Gañir.- Renxer, facer ruído as portas ou as camas cando son vellas.
Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.
Fonte.- Miguel Hernández Viñas.
Malvar.- (Ademais de significados xa rexistrados). Mancar, facer dano.
Exemplo: “Aínda te has de malvar”.
Lugar de escoita.- Carnota.
Fonte.- Nuria López Lago.
Rumbar.- (Ademais de significados xa rexistrados). Facer moito ruído un vehículo ao acelerar. Exemplo: “Para os rapaces de hoxe, o coche que máis rumba é o mellor”.
Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa)
Fonte.- Mario Ferreira López.
Xibrar.- (Ademais doutros significados: afastar, asubiar) Facer cálculos e planos desmesurados e fóra da realidade. Alucinar.
Lugar de escoita.- Moraña e bisbarra.
Fonte.- Xosé Monteagudo.
Zarriñar.- Facer mal uso ou uso pouco profesional do oficio de carpinteiro.
Exemplos de uso: "Se ides á cabana, non vos poñades a zarriñar"/”Non me zarriñedes nas zocas”/ “Quen me zarriñou a vara de alindar?”/ “Non facedes máis ca zarriñar”.
Lugar de escoita.- As Pontes.
Fonte.- Pepe López Souto.
Outros apuntamentos.- Di o informante: “Dende neno non volvín a escoitala. É a reprimenda que botaba un carpinteiro artesán, construtor de zocas e sellas, cando alguén collía unha peza feita e se poñía a desbastala cunha navalla ou calquera outro utensilio! Case sempre ía dirixido aos pícaros, que neste caso non sabían o mal que se facía, ao poñerse a labrar unha zoca, sella, ou calquera cunca torneada”.
Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.
Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@