8F / POLAS FILLAS DOS NOSOS FILLOS

"A cuestión non está só en aprender o idioma senón en usalo"

Xosé María percorreu as rúas de Compostela para "defender" o galego. A Xunta, di, "non está a transmitir o orgullo de falar galego".

DSC_0058
photo_camera [Imaxe OR]

Xosé María chegou desde Redondela até a capital de Galiza. Leva décadas na defensa do idioma e non fraquea nesa loita. Para este redondelán, o galego é "a columna vertebral" do país e, malia as estatísticas, non dubida en sinalar que "si hai futuro" para a lingua galega. Ora ben, acrecenta, "o día que a mocidade se decate do valor" que esta ten. 

Por que decidiches apoiar a mobilización?
A nosa fala é a columna vertebral do país. Veño para defendela e que non desapareza. 

Os últimos dados do IGE apuntan un grave descenso no número de falantes...
Entre a mocidade non a vexo ben. O uso da lingua entre eles é moito menor do que eu desexaría. E coido que a maior parte da xente moza que o fala é por conciencia. 

Como reverter esta situación?
Desde as casas primeiro e logo desde o ensino. Hai que concienciar a xente que a cuestión non está só en aprender o idioma senón en usalo. É a única forma de que a nosa cultura non vaia a menos. 

Que papel xoga a Xunta de Galiza?
A Xunta está a facelo mal. Se o puxer en valor e ensinase que a lingua é a nosa razón de ser a xente botaríase a falar galego. Ensinar é algo fundamental e, nese senso, temos que evidenciar que o valor da lingua radica no seu uso. E iso a Xunta non o fai. 

"Temos que evidenciar que o valor da lingua radica no seu uso. E iso a Xunta non o fai"

Haberá que saír máis veces á rúa?
Coido que si porque o poder público non está a facer o que corresponde. Non está a transmitir o orgullo de falar galego. E se a Xunta non o fai coido que haberá que facelo doutra maneira. 

Hai que impulsar iniciativas populares?
Coido que si. A xente fóra do que son as organizacións políticas debería tomar conciencia porque é unha maneira fundamental. Non se pode agardar a que o movan os de arriba, porque non o fan. E aínda que o fixeren, se a xente non o secundamos non serviría de nada. Iniciativas particulares, civís, son fundamentais. 

Exiximos o suficiente os nosos dereitos lingüísticos?
Penso que non. A maioría da xente galega non nos decatamos da xoia que temos no idioma que é a columna vertebral nosa. 

Hai futuro?
Si, o día en que a mocidade se decate do valor da súa lingua e loite por ela non para ser máis que ninguén senón para sermos nós propios. 

Comentarios