Cuarta edición do LGx15: catro anos a achegar ideas e confianza para un mellor futuro para o galego

Oito persoas de diferentes ámbitos (ciencia, deporte, empresa, redes sociais…) contarán dun xeito ameno e divertido as súas experiencias e achegas para influír na conciencia lingüística.

galego CTNL LGx15

O evento LGx15 chega xa á súa cuarta edición. A cita é o 15 de novembro, ás 18.00 h, na Sala Capitol de Santiago. Máis unha vez, o obxetivo é coñecer ideas e propostas para a crianza, a divulgación científica, a empresa, a concienciación lingüística ou a autoestima. Para mellorar o futuro do galego.

Serán oito charlas breves, xada unha a cargo dunha persoa diferente, nas cales se transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma. As persoas convidadas nesta ocasión serán: Javier Balea (creador de "Moléculas en galego", quen nos falará sobre divulgación científica e lingua), Eira Losada (estudante e youtubeira, que nos contará como ser un motor para a lingua), Mercé Barrientos (deportista e docente, que nos vai explicar a importancia da autoestima no deporte e no uso da lingua), Inma Gil Rosendo (xornalista na BBC, que falará sobre a concienciación lingüística desde fóra de Galiza), Manolo Maseda (músico e docente, que nos mostrará "A chave das noces" para dar un xiro á situación da lingua na mocidade), Xema Varela (empresaria e deseñadora, que nos falará do "efecto curuxa" no mundo empresarial), Ruth Caramés (bióloga, deseñadora e nai, quen nos descubrirá un mundo de recursos para a crianza en galego), e Aquel -e (milenial e youtubeiro, que nos falará da cultura pop como forma de conexión coas xeracións máis novas).

As persoas convidadas falarán de lingua, pero tamén de ciencia, educación, innovación, conciencia, autoestima, música pop... Diferentes temas para axudar a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos e alento reforzado. E haberá tamén nesta nova edición música en directo, humor e improvisación, pois contaremos coa actuación de Brais Morán e conducirán o acto as regueifeiras Alba María e Lupe Blanco.

As entradas para este evento xa están á venda ao prezo de 6 euros (na rede no web da Sala Capitol, e fisicamente nos próximos días na Tenda A Reixa de Compostela, na rúa do Hórreo, 46. O día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 euros na billeteira).

LGx15 éstá organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

Comentarios