O CSIC desbota o galego para "non perder prestixio"

Rexeita usar a lingua propia do país para titular unha publicación porque facelo, asegurou o seu director, suporía a perda de relevancia internacional e asegura que a súa tradución sería "un problema na sociedade na que vivimos". 

 

cadernos
photo_camera Capa da revista editada polo CSIC

A revista editada polo Instituto Padre Sarmiento desde hai 70 anos titúlase Cuadernos de Estudios Gallegos (sic). Desde o CSIC desbotaron a posibilidade de traducir ao galego o nome da publicación con motivo dun acto de presentación do número 126 no que participaba o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, quen declinou valorar as afirmacións do director embora ser responsábel a súa carteira de Política Lingüística. 

Segundo o director da revista, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, mudar o nome da revista sería "un risco que non  vale a pena asumir" pois "perderíase demasiado". Pardo de Guevara coidou na súa intervención pública que a traxectoria e sona colleitada pola publicación ao longo destas sete décadas se vería truncada pola mudanza. "A revista non é froito dunha coxuntura nen tampouco dunha casualidade", apuntou o director do Consello Superior de Investigacións Científicas, "senón dun esforzo colectivo, continuado". 

Para De Guevara a tradución suporía "un problema na sociedade na que vivimos". Un problema que para o director da revista atinxiría o "prestixio" da revista ao implicar "partir de cero nas bases de datos internacionais e nos índices de impacto". Espazos xa ocupados co título actual que só mudaría levemente por un Cadernos de Estudos Galegos. 

A revista, que pode ser consultada na súa versión on-line, inclúe artigos en galego e portugués, para alén de publicacións en español. 

Comentarios