Critican a escasa presenza do galego no programa da TVG 'Atrápame se podes': "40 cancións e as 40 en castelán"

Os Estatutos da CRTVG sinalan que debe "promover e difundir a cultura e identidade da Galiza", así como "contribuír ao uso e o coñecemento da lingua galega".
O programa 'Atrápame se podes' é unha produción de Voz Audiovisual (Foto: CRTVG).
photo_camera O programa 'Atrápame se podes' é unha produción de Voz Audiovisual (Foto: CRTVG).

O programa da Televisión da Galiza 'Atrápame se podes' —producido por Voz Audiovisual— volveu ser obxecto de críticas nas redes sociais ao longo das últimas horas, desta volta por mor da escasa presenza que ten, paradoxicamente, a lingua galega no apartado musical, que ten un gran peso ao longo do programa.

"No programa de hoxe, nove cancións e as nove en castelán; nos últimos programas, 40 cancións e as 40 en castelán", apuntou o perfil de Twitter 'Orgullo Galego'.

Esta mesma conta pregúntase se "non existen" artistas galegos e galegas para incorporar as súas cancións. "Cando cumpliredes o punto 3 dos Estatutos da CRTVG?", engadiu.

O usuario facía alusión ao terceiro apartado do artigo 3 dos Estatutos da CRTVG, que indican que "no desenvolvemento do seu obxecto social, a Corporación RTVG promoverá e difundirá a cultura e identidade da Galiza e contribuirá ao uso e o coñecemento da lingua galega".

Polémica pregunta

Cómpre lembrar que a CRTVG pediu desculpas esta segunda feira pola inclusión no programa do pasado sábado, día 5 de marzo, dunha pregunta na que se interpelaba a dúas concursantes sobre o prezo actual dun gramo de cocaína e ofrecía como resposta dúas opcións: 60 euros e 6 euros.

A respecto desta cuestión, a CRTVG sinalou nun comunicado publicado na súa páxina web que "non estaba no ánimo do programa infravalorar o grave problema que supón a drogadicción" e afirmou que a formulación desa pregunta "non era a axeitada, máxime tratándose dun programa de cuestións sobre cultura xeral".

Comentarios