Cristina López: “A xente nova pode ser a chave para que se tome conciencia da importancia do galego”

Cristina López puxo en marcha “A Fala da Avoa” en Instagram e Twitter co obxectivo de recompilar os refráns e ditos populares da Galiza. Nesta iniciativa pódense ler moitas das frases feitas que as nosas devanceiras empregaban de maneira cotiá para falar do día a día, e que hoxe están recollidos en recompilacións como as de Xesús Ferro Rubial e Federuci Zamora Mosquera, entre outros. Ademais, Cristina López acompaña os ditos con fotografía de diferentes paisaxes naturais e arquitectónicas da Galiza.
Ademais dos refráns, outra das paixóns de Cristina López é a fotografía. (Foto: Montse Funcasta) #afaladaavoa #instagram #refráns #lingua #galego #cristinalópez
photo_camera Ademais dos refráns, outra das paixóns de Cristina López é a fotografía. (Foto: Montse Funcasta)

-Como naceu “A Fala da Avoa”?

O meu interese nos ditos e refráns galegos vén xa de moito tempo atrás. Sempre me chamou moito a atención, e escoitaba todo o que dicía a xente maior. Os meus avós, os meus pais, os meus tíos... Toda esa fala popular e esas conversas espertaban a miña curiosidade desde que era moi pequena. A conta, como tal, naceu durante a pandemia, en xullo do ano pasado. Levaba xa tempo pensando en facelo, pero meu traballo no me daba o tempo suficiente como para pórme con ela. Pero esta situación deume ese tempo que necesitaba. A verdade é que, desde o inicio, a acollida está a ser moi boa. Moita xente coméntame que lle gustan moito os refráns que comparto. Non esperaba ese interese, a verdade.

-A súa iniciativa persegue algún obxectivo en específico, ou só quería facer unha recompilación estética dos refráns?

Para min, o nome da conta é unha reivindicación da figura da xente do rural en xeral, e das avoas en particular, ademais da miña particular homenaxe. Porque elas son a viva imaxe de toda a nosa sociedade. Son as nosas antepasadas. Elas eran as que levaban os fogares, coidaban e sacaban adiante as familias, criaban as fillas, educaban as netas... Quero reivindicar a importancia da fala da avoa, e, ao mesmo tempo, facerlle entender á xente que a lingua das nosas devanceiras tamén é a nosa. Que a fala da avoa é tamén a fala da neta. O meu obxectivo é pór en valor o saber popular da Galiza e das nosas antepasadas.

-Como leva a cabo o proceso de busca e recollida dos refráns?

Moitos deles son refráns que xa coñecía e que chegaron a min a través da tradición oral, especialmente na aldea. Vivín a cabalo de dúas aldeas, Vilarmaior e Monfero, de onde son as miñas avoas. Cando nos xuntábamos a falar e a cantar, empregábanse moitos deses ditos, e eu funos recordando todos. Outros moitos saqueinos do refraneiro galego básico de Xesús Ferro Rubial. Para min é unha xoia que posúo. Tamén teño outro refraneiro popular de Federico Zamora Mosquera. Esas son as miñas principais fontes, ás que podo sumar as miñas amizades, as miñas familiares...

-Acompaña sempre estes refráns con fotografías de espazos e paisaxes da Galiza. A escolla destas fotos ten algunha motivación en particular?

A min encántame tirar fotografías ao tempo que paseo pola Galiza e a coñezo. Gústame toda a paisaxe visual galega Os ríos, os montes, as praias. Tamén edificios antigos como as ermidas e os mosteiros. Cando fago os diferentes roteiros aproveito para tirar fotografías, sen ningún tipo de técnica, pero a min realmente gústanme. Intento que cada foto estea vencellada minimamente co refrán que a acompaña.

-“A Fala da Avoa” nace da súa iniciativa particular. Vostede cre que desde as institucións e organismos públicos deberían fomentarse e levarse a cabo proxectos deste estilo?  

Penso que si que é necesario. É importante que se leven a cabo máis proxectos para salvagardar o xeito de falar das nosas devanceiras, porque segue a ser tamén o noso xeito. A xente nova está a impulsar unha nova onda de iniciativas e proxectos na nosa lingua, e penso que eles, que son o futuro, poden ser a chave tamén para que as institucións e os organismos tomen conciencia sobre a importancia de protexer o galego. E non só o galego. Tamén a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa historia. Só da iniciativa e do compromiso da sociedade pode chegar unha resposta efectiva para darlle a importancia que se merece á Galiza.

Comentarios