Unha canción de Paco Nogueiras para que as crianzas vaian contentas (e en galego) para a cama

O proxecto Apego presenta ‘Vou para a cama’. Unha canción en galego para indicar e estimular ese momento tan especial de ter quer ir coller a almofada.

vídeo apego
photo_camera vídeo apego

O momento de ir para a cama non é como os outros momentos do día. Sábeno ben os máis pequenos. Por iso Apego, proxecto para a socialización do galego na infancia, vén de presentar ‘Vou para a cama’, unha canción de Paco Nogueiras (autor do disco Brinca Vai!) que pode ser “un referente que indique, lembre e estimule ese momento”.

Con esta iniciativa achégase en galego un recurso, as cancións para estimular que as crianzas vaian para a cama, que si que existe noutros idiomas. Apego fai pública a canción e o vídeo do tema con letra e música do creador infantil Paco Nogueiras.

Este vídeo súmase a outros da serie ‘As aventuras de Po’, que xa hai meses que se están a difundir na rede coa pretensión de achegarlles ás familias recursos en galego, e a través dos cales o polbo Po, mascota do Apego, ensina cores e froitas, os sons e nomes dos animais, as partes do corpo, a atar os cordóns, etc.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. O proxecto está desenvolvido de xeito cooperativo por 30 concellos de diferentes tamaños, características, etc., entre os que están as sete cidades galegas.

Comentarios