Un manifesto desde a Costa da Morte a prol do galego na administración de Cee suma apoios en todo o país

A normativa de impulso social do idioma non saíu adiante no pleno do Concello pola oposición de PP, PSOE e Ciudadanos. “Hai que darlle a volta ao menosprezo de quen queren coutar a nosa lingua máis unha vez ao ámbito coloquial e familiar”, dise na declaración.

O Pleno da Corporación Municipal de Cee debateu na quinta feira 5 de novembro o regulamento de impulso social ao galego a proposta do Goberno local. Unha normativa de apoio á lingua que non saíu adiante ao contar con seis votos a favor –cinco do grupo de goberno, IxC, e un do BNG- e con sete en contra –catro do PP, dous do PSOE e 1 deCiudadanos. A resposta a este 'bloqueo' á promoción do galego non se fixo esperar e desde diversos colectivos e inciaitivas da sociedade civil impulsáronse diversas medidas, como un acto de apoio ao regulamento a realizar este domingo ás 12:00 horas diante do Concello de Cee.

Ao tempo, representantes das traballadoras e traballadores de Ferroatlántica, Carrefour, o Sergas ou o Concello, ensinantes, escritoras e escritores, artistas, empresarias, profesorado de Dereito, xornalistas… encabezan o manifesto 'Queremos galego na administración local de Cee'. Unha declaración, informa A Mesa pola Normalización, dispoñíbel a partir desta quinta feira para asinar en internet e en diferentes lugares que se irán anunciando, é unha iniciativa máis en apoio do Regulamento de promoción do galego cuxa aprobación foi bloqueada no pasado pleno de Cee.

O manifesto está promovido por escritores (Rafa e Miro Villar, Rivadulla Corcón, María Lado...), xente das artes escénicas (Artur Trillo, Antonio Casais), da docencia na universidade (Francisco Caamaño, Alba Nogueira,..), representantes de trabnalladores e do kovemento veciñal...

“Hai que darlle a volta ao menosprezo de quen queren coutar a nosa lingua máis unha vez ao ámbito coloquial e familiar, coma acontecía no franquismo, e para iso cómpre defendermos os dereitos lingüísticos con lexislación como a proposta para a súa aprobación no concello de Cee e, despois, con medidas activas e orzamentos axeitados para facermos do galego un idioma natural na súa comunidade de falantes. Caso contrario, han continuar os prexuízos sobre o uso da nosa lingua que están a favorecer a perda da súa transmisión interxeracional e, como consecuencia, a desgaleguización dunha parte da nosa mocidade e da sociedade no seu conxunto”.

Comentarios